CONDENA CONTRA O CONCELLO DE CULLEREDO

O BNG insistirá na reprobación da concelleira de Persoal, Marta Figueroa

Imaxe do pleno do día 12 de decembro de 2023
Imaxe do pleno do día 12 de decembro de 2023

O BNG promovía a proposta debido á ultima condena ao concello, pero foi excluída da orde do día do pleno de novembro 

Semella que o goberno municipal fará todas as trampas posibles para evitar a votación en pleno e tampouco admitiron o recurso

O pleno ordinario ten que se celebrar unha vez cada mes, no caso de Culleredo é o último martes ás 20 horas

O BNG insistirá na reprobación da concelleira de Persoal, Marta Figueroa

O Concello de Culleredo non celebrou o pleno ordinario do mes de novembro, que estaba convocado para o pasado martes 28 e que foi finalmente desconvocado. O goberno municipal alegou supostos problemas técnicos que imposibilitaban o acceso á documentación por parte dos concelleiros, mais estes puideron acceder á documentación durante a fin de semana anterior. O Alcalde convocou un novo pleno para o martes 12 de decembro coa mesma orde do día, a pesar da reclamación do BNG para que se celebrase o antes posible, ante a evidente falta de xustificación para adialo.

O BNG promovía para este pleno unha moción para manifestar  a reprobación da concelleira responsable de Persoal, Marta Figueroa, tras a última condena ao concello por suspender un funcionario de emprego e soldo sen probas, sen escoitar a súa versión dos feitos e de xeito desproporcionado, saltando todos os dereitos do traballador. Este ataque ao funcionariado do Concello acumúlase a unha serie de irregularidades en asuntos baixo a súa responsabilidade, como a caducidade dunha Oferta Pública de Emprego, varios procedementos de selección de persoal recurridos e paralizados…

A Xunta de Voceiros acordou incluir a moción do BNG, mais cando se convocou o pleno, a orde do día excluíu a proposta de reprobación. Os concelleiros nacionalistas pediron explicacións, mais a resposta foi evasiva, apelando a que debería ser un rogo. O BNG amosou o seu total desacordo e ao día seguinte apareceron os problemas informáticos que imposibilitaron finalmente a celebración do pleno. Na nova convocatoria para o día 12 segue sen incluirse este asunto e o BNG ten presentado recurso contra a orde do día para solicitar a súa inclusión como moción.

O BNG insistirá na reprobación da concelleira de Persoal, Marta Figueroa