Concelleiros

Enrique Antón Chouciño Garrido, Tono 

(Malpica, 1966)

Concelleiro e Voceiro do BNG de Culleredo

Tono Chouciño

Casado e con 3 fillos, leva máis de 20 anos vivindo en Culleredo, primeiro en Fonteculler e actualmente no Burgo. Diplomado en Ciencias Empresariais, traballa como Informático na Xunta de Galiza.

Ten participado e colaborado social e sindicalmente en diversas iniciativas, o que o levou a entrar en contacto co BNG de Culleredo e, finalmente, aceptar a proposta de encabezar a candidatura do Bloque Nacionalista Galego no noso concello.

"Cando viñemos vivir a Culleredo a miña filla máis vella tiña uns meses e foi á escola infantil A Tartaruga, da que teño un grato recordo. Botei 10 anos visitando ese centro a diario e fun vendo como o crecemento demográfico de Culleredo non tiña correspondencia coas prestacións aos veciños, primeiro de Escola Infantil, despois de Escolas de Primaria, e máis tarde de Institutos. Tamén se pode dicir o mesmo doutros servizos: Centro de Saúde, Bibliotecas... Culleredo pasou de 13.000 habitantes nos 80 aos 30.000 actuais e as infraestruturas e servizos non o fixeron ao mesmo ritmo nin de lonxe. O resultado é un Concello que quedou atrás si o comparamos co resto da comarca.

Coa implicación dos veciños e das veciñas, coa súa participación no bo goberno do noso Concello, seremos quen de cambiar Culleredo e convertelo nun modelo a imitar, como xa sucede con outros concellos que no seu día confiaron no BNG, como Allariz, Pontevedra ou Ribadeo, e que hoxe son referentes, incluso a escala mundial, de bo facer e de traballar para mellorar a vida da súa xente."

As persoas que formamos parte da candidatura do BNG de Culleredo comprometémonos a demostrar día a día que nen os políticos nen as formas de facer política son todas iguais. Porque vivimos a pé de rúa este momento difícil para a maioría social deste país e deste concello. Porque en Culleredo chegou a hora de soltar lastre e coller os remos para chegar a bo porto.

 

Beatriz Pérez Mosquera 

(Culleredo, 1969)

Concelleira do BNG de Culleredo

Beatriz Pérez

Bea Pérez naceu e medrou en Vilaboa, parroquia de Culleredo que viu transformarse nas últimas décadas. Técnica Superior de Son, traballa no Consello da Cultura Galega e é responsábel do Arquivo Sonoro de Galicia. Bea conta coa experiencia de ter sido Concelleira de Mocidade e Voluntariado do Concello de Culleredo entre 2007 e 2011.

A súa participación na vida social e cultural de Culleredo é dilatada, traballando de maneira activa na organización de programas de dinamización xuvenil como fundadora e presidenta da Asociación Xerfa, así como doutras moitas actividades culturais e deportivas. A súa faceta musical, que ten desenvolvido nos últimos anos como Bea a de Estrella, tena levado a publicar o seu traballo como compositora e cantautora nun traballo que ten presentado en diferentes localidades de toda Galiza. 

"Traballar para as veciñas e veciños do meu concello é a honra máis grande que unha persoa pode ter."

 

Xabier Fernández-Villarrenaga Vázquez

(A Coruña, 1972)

Concelleiro do BNG de Culleredo

Xabier Fernández-Villarrenaga

Xabier Villarrenaga é veciño de Orro dende hai máis de 10 anos. É Licenciado en Educación Física e traballa como profesor de secundaria na Xunta de Galicia; conta con varias publicacións sobre a docencia e forma parte do Grupo de Traballo de Docencia do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física.

Durante anos estivo traballando no tecido asociativo veciñal como presidente da Asociación Cultural e Veciñal de Orro e foi impulsor de accións encamiñadas á mellora dos servizos no rural tales como a construción dun instituto de secundaria que elimine o agravio comparativo no acceso á educación que teñen as familias do rural, ou unha iniciativa lexislativa popular que propón a eliminación da fenda dixital nas parroquias rurais do Concello.

“Dei o paso á política de partido para tentar loitar pola xente do noso concello dende dentro, despois de comprobar que a veciñanza é sistematicamente silenciada e marxinada polo equipo de goberno duns procesos que deberían ser transparentes e participativos.”

 

Laura Raposo Vigo

(Frades, 1982)

Concelleira do BNG de Culleredo

Laura Raposo

Laura Raposo chegou a Culleredo con apenas dous anos. Criouse na Choeira e hoxe vive na Fonte da Balsa, en Vilaboa, onde forma parte activa da vida do barrio e coida con orgullo da súa familia. É nai de dous nenos, unha muller traballadora, e unha firme defensora dun Culleredo máis xusto, dinámico e inclusivo.

Formada en Comercio e Marketing, desenvolve o seu labor profesional nunha tenda de roupa, onde cada día combina a atención ás persoas coa súa mirada crítica e comprometida coa realidade social.

Reivindicativa por natureza, con moita retranca e sentido do humor, Laura cre que a política tamén se pode facer desde a empatía, o humor e a proximidade:

“A vida sen sentido do humor? Non é para min. Pero tampouco é para min un Culleredo que deixe a xente atrás. Merecemos un concello que nos coide, que se mova e que pense na diversidade como unha riqueza.”