AXENCIA ESPAÑOLA DE PROTECCIÓN DE DATOS

O BNG denuncia a vulneración de protección de datos na Conta Xeral

O grupo municipal do BNG ven de denunciar diante da Axencia Española de Protección de Datos a vulneración dos dereitos á protección de datos persoais por parte do Concello de Culleredo 

A documentación, accesible ao público, permite a identificación de persoas perceptoras de axudas sociais, datos que deberían ser anonimizados para respectar o dereito á honra e á intimidade persoal

O BNG denuncia a vulneración de protección de datos na Conta Xeral

O grupo municipal do Bloque Nacionalista de Culleredo presentou denuncia diante da Axencia Española de Protección de Datos, por una gravísima vulneración de dereitos á protección de datos persoais por parte do Concello de Culleredo na exposición pública da Conta Xeral do exercicio 2022, exposta actualmente ao público a través da Sede Electrónica do Concello, tal e como se informa na publicación do anuncio con número 2023/8905 do Boletín Oficial da Provincia da Coruña do xoves 9 de novembro de 2023.

Como parte da documentación posta a exposición pública, aberta á consulta de calquera persoa, estanse a facer públicos datos persoais que deberían ser anonimizados para a protección da honra e a intimidade das persoas afectadas. Nomeadamente, atópanse abertos e a disposición pública datos persoais que permiten identificar a persoas perceptoras de axudas sociais, o que resulta nun grave atentado contra os dereitos recollidos na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Personais e garantía dos dereitos dixitais, así como no Regulamento da Unión Europea 2016/679 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos personais e á libre circulación destes datos.

O BNG de Culleredo presentou denuncia despois de ter advertido ao Secretario Accidental e Xefe do Gabinete de Alcaldía e despois de que a información estivese dispoñible ao público para a súa descarga, recibindo como resposta que se solicitase por escrito, malia recoñecer que o tratamento da información non era correcto. O BNG ten solicitado ademais a inmediata retirada da Sede Electrónica da documentación incluida na Conta Xeral do exercicio 2022 para proceder á anonimización de tódolos datos que permita a protección dos dereitos das persoas afectadas, así como unha nova Exposición Pública da Conta Xeral.

O BNG denuncia a vulneración de protección de datos na Conta Xeral