ÉXITO DA PROPOSTA

O Pleno aproba a reprobación da concelleira de Persoal a iniciativa do BNG

Imaxe do pleno do día 12 de decembro de 2023
Imaxe do pleno do día 12 de decembro de 2023

A concelleira debería abandonar a súa acta de concelleira

O BNG levou a iniciativa a Pleno tras a condena ao concello por  vulnerar os dereitos fundamentais dun funcionario ao suspendelo de emprego e soldo sen dereito a defenderse

O Pleno aproba a reprobación da concelleira de Persoal a iniciativa do BNG

O BNG de Culleredo conseguiu a reprobación formal da concelleira de Cohesión Social, Réxime Interior e Recursos Humanos, Marta Figueroa, a pesar do voto en contra do PSOE. A iniciativa foi elevada a Pleno tras a última condena ao Concello de Culleredo, en contra da suspensión de emprego e soldo dun funcionario, que foi sancionado de xeito desproporcionado, sen opción a defenderse, segundo a sentenza.

A decisión acordada polo Pleno debería supoñer que a edil teña que abandonar a súa acta de concelleira. Tamén se debatía que se avalíe que pague as costas do xuízo do seu peto, e ademais, que o Concello de Culleredo non siga recorrendo a sentenza e restitúa no seu posto ao funcionario suspendido. O secretario municipal tomou a palabra para facer retirar estes últimos puntos da moción, xa que argumentaba que o Pleno non tiña competencia para eles.

A condena ao Concello de Culleredo chegou despois de que o funcionario sancionado sen emprego e sen soldo gañara o xuizo e que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ratificara o fallo, por considerar que se vulneraron os dereitos do funcionario, como o da defensa xusta, e non se optou pola medida menos restrictiva con eses dereitos. Ademais, a medida tomada non serviu para conseguir o obxectivo de asegurar o normal funcionamento do servizo.

A Secretaria Municipal –responsable do asesoramento xurídico do concello– xa advertira en contra desa medida, ata en dúas ocasións, por basarse “en opinións subxectivas e probabilidades apreciadas pola concelleira delegada de seguridade cidadá e persoal”, e aínda así optouse pola vía da discrecionalidade poñendo un funcionario con máis de 30 anos de servizo na rúa de contado, saltando os trámites esenciais do dereito á defensa.

O BNG xa vén clamando pola dimisión da concelleira de persoal desde moito antes, xa case coma unha constante, debido ao paupérrimo funcionamento crónico da área e pola falta de persoal na administración municipal en xeral, e no Conservatorio municipal ou na Policía Local como casos máis destacados. Ademais, é a responsable de procesos selectivos, algúns dos cales foron denunciados, e outros que caducaron por falta de vontade para sacalos adiante.

O goberno municipal tratou de evitar que a proposta fora votada en Pleno, a través de todos os medios posibles, incluso con métodos de dubidosa legalidade e nada democráticos. Retirou unilateralmente a proposta da Orde do Día unha vez acordada en Xunta de Voceiros e cando o BNG recurriu, comunicouse o adiamento do Pleno aludindo a problemas informáticos.

Finalmente, tiveron que aceptar o recurso do BNG e incluír a proposta na Orde do Día, dando como resultado que a concelleira de Persoal, Marta Figueroa, fora reprobada polo Pleno da Corporación.

O Pleno aproba a reprobación da concelleira de Persoal a iniciativa do BNG