GOBERNO MUNICIPAL

O BNG de Culleredo esixe a dimisión da concelleira de Seguridade Cidadá e Persoal

A gravidade do caso Vellón, noticia nos medios de comunicación, só é a punta do iceberg da súa incompetencia manifesta e mala fé na xestión de persoal.

Sae á luz un expediente disciplinario a un funcionario que se dilatou anos sen concluir ata a xubilación do traballador.

Amosou incapacidade e opacidade para xestionar as ofertas de emprego da administración municipal e as listaxes de substitución.

Tamén é a responsable de que os problemas de convivencia con locais de copas se volvan endémicos en Culleredo.

O BNG de Culleredo esixe a dimisión da concelleira de Seguridade Cidadá e Persoal

A concelleira de Seguridade Cidadá e Persoal do Concello de Culleredo, Marta Figueroa, ten que dimitir ou ser cesada do seu cargo sen escusa. O BNG esixe o seu relevo inmediato a raíz das novas coñecidas estes días, que ademais de seren moi graves, amoréanse xa de xeito alarmante ao que a veciñanza vén padecendo durante varios anos.

Estes días confirmouse que a asesora xurídica Belia Vellón tiña que ter sido apartada do seu posto laboral, tal e como viña insistindo o BNG durante meses. O Tribunal Supremo condenáraa a oito anos de inhabilitación para emprego ou cargo público na Administración Local, debido a un delicto de prevaricación. O goberno municipal evitou activamente facer efectiva esta senteza, aducindo suposta falta de especificidade do texto. A Audiencia Provincial da Coruña deixouno claro e confirmou a gravidade da sentenza.

Tamén estes días, coñecemos o caso dun expediente disciplinario a un funcionario, que se dilatou anos sen xustificación ata que chegou a xubilación do afectado, ao que xa non procede aplicar as medidas que corresponderían. Aínda por riba manipulan o que nos contan do expediente, intentando pasalo como un mero incumprimento horario, para restarlle gravidade e ocultar que procedería unha sanción moito maior, xa que a causa real sería a incompatibilidade co seu cargo de administrador dunha promotora inmobiliaria.

En materia de selección de persoal, xa vén de lonxe a demora na xestión das substitucións do profesorado do Conservatorio, sobre o que o alumnado e as súas familias veñen manifestando as súas queixas. Despois de caducar as listas de substitucións, aínda non foron quen de publicar unhas novas.

É tamén pública a caducidade da Oferta Pública de Emprego de 2017, despois dunha impugnación. Ao ter a persoa recurrente toda a razón, preferiron deixar que o expediente caducase antes que rectificalo. Ainda así, a convocatoria recentemente anunciada en 2021 incurre nos mesmos vicios, polo que corre o risco de ser novamente impugnada.

Por último, pero non menos importante, en materia de Seguridade Cidada, hai que seguir lembrando os problemas de convivencia denunciados de xeito continuo durante anos por grupos veciñais, por mor de ruidos e inseguridade relacionados con locais de copas na Urbanización A Ría e na rúa Anxo Senra do Burgo, e que lonxe de ser solucionados parecen empeorar co paso do tempo, ante a inactividade municipal que non é quen ou non quere facer cumprir os regulamentos e acadar a convivencia e o descanso veciñal..

Todos estes feitos, cada un de xeito individual xa de suficiente gravidade, lévannos a solicitar a dimisión da concelleira delegada de Seguridade Cidadá e Persoal, Marta Figueroa, ou o seu cese inmediato, por ter amosado a súa total incapacidade e mala fé para exercer dun xeito eficaz e eficiente as funcións propias do seu cargo.

O BNG de Culleredo esixe a dimisión da concelleira de Seguridade Cidadá e Persoal