EDUCACIÓN

A ESO para o rural de Culleredo, rexeitada polo PP

20220129 CEIP Tarrío
CEIP Tarrío

A iniciativa do BNG elevaba unha demanda popular con máis de mil sinaturas de apoio.

Sindicatos educativos levan anos reclamando unha nova planificación para Culleredo, sendo a actual definida como "obsoleta" pola inspectora de educación.

O BNG lamenta a curta data de caducidade dos compromisos do PP con Culleredo.

A ESO para o rural de Culleredo, rexeitada polo PP

O Partido Popular rexeitou, o pasado xoves, a iniciativa do BNG de Culleredo en apoio da demanda veciñal, apoiada por máis de mil sinaturas, dun centro que imparta Ensinanza Secundaria Obrigatoria na área rural do noso Concello.

A deputada nacionalista Mercedes Queixas lembrou as distancias que teñen que percorrer os menores dende os seus domicilios até os centros educativos situados na zona rural, que nalgún caso os obriga a desprazamentos de máis dunha hora de duración.

Esta situación rompe, para a deputada do BNG, co principio de igualdade de oportunidades, constituíndo un agravio comparativo. Tamén rompe co discurso do Goberno Galego de "fixar poboación no rural", pois para isto fai falla dotar ao rural dos servizos indispensábeis.

O BNG de Culleredo lembra que a necesidade dun novo mapa educativo no noso concello é unha demanda histórica, que os sindicatos educativos demandan dende hai anos, e que mesmo a inspectora de educación manifestou que a planificación de Culleredo "está obsoleta".

Os nacionalistas lamentan a curta data de caducidade dos compromisos do PP con Culleredo, xa que a Xunta se comprometera en novembro a "revisar a planificación escolar e o catálogo do profesorado", e reiteran o seu compromiso para continuar a traballar para acadar unha mellora que beneficiría ao conxunto da comunidade escolar.

A ESO para o rural de Culleredo, rexeitada polo PP