O BNG de Culleredo revisará a autorización da Feira Medieval no contexto de ascenso de casos COVID

Situación actual
Situación actual

Preocupa a evolución do número de casos.

A veciñanza non entende que se convoquen eventos de masas.

Contradición entre o anuncio de plan de control noutros puntos con eventos multitudinarios.

O BNG de Culleredo revisará a autorización da Feira Medieval no contexto de ascenso de casos COVID

O BNG de Culleredo solicitou por rexistro acceso ao expediente no que se tramitou a autorización da Feira Medieval no paseo marítimo.

Sen chegar os días nos que se agarda máis afluencia de público, xa chegaron ao BNG avisos de preocupación da xente que se pregunta como é posible que se promocionen eventos de masas coa evolución que leva o noso municipio.

En Culleredo cuadriplicáronse os casos activos en tres semanas, con unha evolución de casos activos no noso municipio de  9 casos o pasado 9 de Xuño ate os 41 o pasado xoves.

Temos a traballadores e propietarios de hostalaría locais extremando medidas, pendentes do cumprimento rigoroso das normas e preocupados e de como vai repercutir a evolución das cifras de casos activos nas autorizacións de aforos para os seus locais.

Todos temos posta a atención nos efectos que teñen chegadas de contaxios do exterior como o caso das excursións de escolares a Mallorca.

Temos localidades en Galiza que volven atrás volvendo impoñer restricións que críamos que non volverían.

E  mentres, o Sr. alcalde de Culleredo parece que prefire a foto de ser o que vai por diante en pórlle fin á pandemia, posando na inauguración dun evento de masas mentres anuncia medidas especiais de control de reunións en determinados puntos do concello.

Mentres o alcalde anuncia “un dispositivo especial da policía local” para determinados puntos do concello como o galpón de Celas, presenta fotos nas redes sociais municipais abrindo a Feira Medieval na que non parece que haxa control algún nuns corredores moi estreitos entre os postos.

O voceiro Tono Chouciño afirmou, “Queremos ter acceso ao expediente para verificar que informes técnicos que avalaron a convocatoria, cales foron as condicións que se lle impuxeron, e se se están cumprindo”.

 

O BNG de Culleredo revisará a autorización da Feira Medieval no contexto de ascenso de casos COVID