Análise do BNG de Culleredo de dous anos de lexislatura: incapacidade, parálise e promesas incumpridas

Pleno do 5 de xuño de 2020
Pleno do 5 de xuño de 2020
Análise do BNG de Culleredo de dous anos de lexislatura: incapacidade, parálise e promesas incumpridas

Esta semana cumplíronse dous anos das últimas eleccións municipais, nas que a veciñanza cullerdense decidiu triplicar a súa confianza no BNG, pasando de 1 a 3 concelleiros na corporación municipal. Mais o goberno municipal quedaba enconmendado a un PSOE con maioría absoluta.

Desde ese mesmo momento, desde o BNG de Culleredo non deixamos de traballar arreo polos intereses de Culleredo e da súa veciñanza. Nos dous anos que seguirán seguiremos a traballar na mesma liña, poñendo por diante os intereses da maioría aos de particulares e especuladores.

Mais nestes dous anos, Culleredo segue estancado en promesas dun futuro que nunca se chega a facer realidade. Os mesmos grandes retos nos que o noso concello está a xogar o seu futuro seguen a estar paralizados, e o goberno municipal non parece ter ningún interese en traballar por sacalos adiante:

  • Despois de varios anuncios con datas para a aprobación definitiva do PXOM, hai máis dun ano que ninguén ten noticias del.
  • O servizo de auga potable segue en mans dunha empresa sen contrato que non proporciona un servizo de calidade.
  • O servizo de limpeza viaria segue sen contrato.
  • O servizo de atención domiciliaria de servizos sociais segue sen contrato, nun momento de extrema gravidade no que non podemos reclamar un mínimo de calidade á empresa que presta o servizo.
  • A contratación de obras e servizos a dedo alcanza xa un 68% do orzamento, a pesar das constantes advertencias da intervención e secretaria municipais.
  • Seguen aumentando as obras executadas sen axustarse a proxecto, nalgún caso con graves consecuencias como a caída da cuberta do Parque das Brañas.
  • Acumúlanse as sentenzas xudiciais nas que o Concello de Culleredo perde millóns de euros, como a dos terreos do CEIP Ría do Burgo, a do CLT de Ledoño, as expropiacións para o CEIP Vila de Rutis, a reforma da Praza de Galiza...
  • O rescate de concesións como a da Garrocha ou a do CLT, na que non só perdemos servizos e centos de miles de euros, se non que recuperamos instalacións municipais totalmente deprezadas e con grandes destrozos que non se reclaman ás concesionarias.
  • A indefensión nas continuas pretensións de ampliación do Aeroporto de Albedro e da súa pegada no noso territorio.
  • A indefensión ante a intención do Ministerio de Fomento de destruir a Laxe coa construcción do Vial 18 e o seu proxecto de ampliar a AP9 ao dobre de capacidade ao seu paso por Almeiras, O Burgo, Vilaboa, Castro e A Laxe.
  • A falta de calidade democrática, coa anulación de Plenos Municipais e Comisións Informativas sen razón xustificada, a non asistencia do Alcalde a moitos destes órganos, e a continua reclamación dos dereitos da veciñanza ante a Valeduría do Pobo.

A enumeración podería continuar.

Consideramos que é tremendamente complicado e dificil que un goberno municipal en maioría absoluta sexa incapaz de resolver ningún, nin o primeiro dos problemas e numerados, e sobre os que tantas promesas vacías fixeron durante a campaña daquelas Municipais de maio de 2019. Nin sequera lograron presentar unha soa vez os orzamentos e tempo e forma.

E agora o Alcalde, nun novo xiro de acontecementos sen consenso, sen razoamento, sen ningún tipo de información, decide anunciar a retirada do Concello de Culleredo do Consorcio das Mariñas, sen un mínimo análise dos custos que esta decisión pode supoñer para a veciñanza cullerdense, sen contar coa viabilidade da planta de xestión de residuos de Nostián e dos traballos a ela relacionados. Ante esta análise dos primeiros dous anos desta lexislatura, non podemos confiar en que este goberno municipal sexa quen de organizar os servizos de xestión da recollida e tratamento de basuras.

 

A veciñanza cullerdense non pode ser a vítima da incapacidade do goberno municipal do PSOE de Culleredo. Desde o BNG seguiremos a traballar para reclamar que o Alcalde e as súas concelleiras e concelleiros fagan o traballo que lles foi encomendado. Seguiremos tamén a traballar por unha alternativa de goberno efectiva e beneficiosa para o noso concello.

Análise do BNG de Culleredo de dous anos de lexislatura: incapacidade, parálise e promesas incumpridas