O BNG fai que o Concello de Culleredo reclame a revisión da autorización da gasolineira de Ledoño a Augas de Galiza

O PP votou en contra escudándose en que as alegacións veciñais foron rexeitadas
O PSOE só aceptou a proposta previa emenda para que a petición fora condicional
O Concello de Culleredo reclamará ante Augas de Galiza a revisión da autorización para a construción dunha gasolineira a carón do río Valiñas, en Ledoño, como consecuencia dunha proposta do BNG, na que ademais se pon de manifesto o valor ambiental da zona e os riscos de contaminación.
Tanto PP coma PSOE se aliñaron co argumento de que as alegacións veciñais foran rexeitadas e tentaron dar carpetazo e silenciar a cuestión, tratando de evitar o debate. Pero Tono Chouciño, voceiro do BNG, valeuse de documentos oficiais, como a Lei do Solo de Galiza, para protexer as ribeiras fluviais, ou o propio proxecto de PXOM de Culleredo, no que se indica a zona de especial protección precisamente nesas parcelas.
Tendo en conta iso, o PSOE de Culleredo propuxo a emenda de condicionar a licenza municipal ao que responda Augas de Galiza. O BNG aceptou a achega e a votación final situou a todas as forzas a favor, agás o PP, que se enrocou no non.