RÍO TRABE
Sanción ao Concello de Culleredo polas obras no Río Trabe

Augas de Galiza sanciona ao Concello por modificar o noiro do paseo fluvial sen autorización e incumprindo as condicións establecidas.
A obra, cun importe de 140.000€, está a ser investigada tamén polo Xulgado nº3, trala denuncia do PACPRONA da Garda Civil.
Débese asegurar que os cambios introducidos non afectan á estabilidade da obra e repercutir ás persoas responsábeis calquer sobrecoste que os seus actos poidan supoñer para o Concello.
O actual alcalde, daquela Concelleiro de Obras e Medio Ambiente, fixo caso omiso dos avisos tanto do representante do BNG como dos técnicos municipais, que alertaban das irregularidades.
O Concello de Culleredo foi sancionado por Augas de Galiza por modificar o noiro do paseo fluvial do río Trabe sen autorización e incumprindo as condicións establecidas, tal e como denunciou o BNG de Culleredo en reiteradas ocasións.
Cómpre lembrar que estas obras están a ser investigadas tamén polo Xulgado nº 3, trala denuncia do servizo do PACPRONA da Garda Civil, e que o seu importe (140.000€) aínda non foi abonado á empresa adxudicataria.
Para o BNG de Culleredo é necesario depurar as responsabilidades a que houber lugar, repercutindo ás persoas responsábeis o sobrecoste que os seus actos poidan supoñer para o Concello. Pero en primeiro lugar débese asegurar que os cambios introducidos no proxecto durante a realización da obra non afecten á estabilidade da mesma.
O portavoz do BNG, Tono Chouciño, lamentou o xeito de actuar do goberno local. "O actual alcalde era nos tempos en que se fixo a obra Concelleiro responsábel de Obras e Medio Ambiente. Se daquela nos tivera feito caso a nós e aos técnicos municipais, agora non estariamos falando de sancións ao Concello, e o Alcalde non estaría en risco de acabar como o alcalde tamén socialista de Cerceda, condenado a prisión e inhabilitación por unha obra de menos de 10.000€. Non queremos que un alcalde de Culleredo acabe así".