O BNG de Culleredo propón en Pleno dar impulso ao CLT de Ledoño

CLT de Culleredo, en Ledoño
CLT de Culleredo, en Ledoño

O BNG reclama a toma de posesión dos bens públicos tralo rescate da concesión.

Os nacionalistas propoñen a ampliación do camiño de ferro desde o CLT até o porto exterior e a creación de prazas de estacionamento e servicios para camións.

O BNG de Culleredo propón en Pleno dar impulso ao CLT de Ledoño

O BNG de Culleredo presentará no vindeiro Pleno Municipal unha moción con propostas para impulsor o Centro Loxístico de Transportes de Culleredo. O CLT, situado na parroquia de Ledoño, foi obxecto de múltiples irregularidades desde a súa xestación até o momento actual, no que acabamos de saber que o Concello de Culleredo pode perder millóns de euros polas reclamacións da exconcesionaria.

É hoxe o día que aínda non se tomou posesión do pouco que se salvou para o patrimonio público tras o rescate da concesión. Desde o grupo nacionalista non só non damos por perdido aquelo que sempre defendimos que debera revertir para o patrimonio público, senón que neste momento queremos facer fincapé en novas propostas para relanzar o seu potencial económico.

O BNG de Culleredo propón aproveitar a conexión ferroviaria do porto exterior da Coruña co polígono de Vío para extender esa rede até o CLT de Culleredo. O traxecto do camiño de ferro xa existe posto que por alí xa pasaba o tren. O propio proxecto técnico do CLT así como o acordo de concesión para a súa contrución contemplaba facer nos terreos que lindaban coas vías, unha estación intermodal de mercancías que finalmente non foi construída.

Por outra banda, o próximo e progresivo traslado das infraestruturas do porto da Coruña vai levar aparellada a necesidade de novos espazos para a loxística de transporte por camión. Segundo cálculos do sector precisaranse 800 prazas de estacionamento para camións nun futuro próximo. As asociacións do sector do transporte por estrada están a reivindicar aparcadoiros seguros para os vehículos pesados. Por todo isto, o BNG propón avanzar nos estudos de viabilidade necesarios para a creación no CLT de Culleredo dos aparcadoiros de vehículos pesados necesarios para a demanda da comarca, así como das instalacións necesarias para complementar unha verdadeira cidade do transporte.

É imprescindíbel que o Concello de Culleredo sexa o motor de desenvolvemento da capacidade do CLT para cumprir o obxectivo para o que foi concebido; ser unha auténtica cidade do transporte e así proporcionar as utilidades que precisan os servizos loxísticos actuais así como os traballadores e traballadoras, e cumprir a súa misión de vertebrar Galiza na vertente da loxística e a distribución de mercadorías.

Para todo o anterior, o goberno municipal ten que poñer da súa parte o impulso á toma de posesión dos bens que lle pertencen como resultado do rescate da concesión, e tamén debe esclarecer que dereitos existen para aqueles terreos que foron expropiados ou adquiridos pola concesionaria baixo o poder que lle outorgaba ser o beneficiario da expropiación. Non debe darse nada por perdido e é preciso que o que ía ser unha instalación pública o sexa.

O BNG de Culleredo propón en Pleno dar impulso ao CLT de Ledoño