O BNG de Culleredo denuncia o descoñecemento das condicións nas que se celebrará o Morriña Festival

A pesar de terse anunciado o patrocinio do Concello de Culleredo ao Morriña Festival, non existe documento de ningún tipo no que se especifiquen as condicións para a celebración deste evento.
O BNG de Culleredo ten solicitado acceso á documentación, tendo recibido por resposta que non existe máis que unha solicitude de uso do espazo por parte da promotora.
Segundo o protocolo marcado pola Xunta, é preciso e ineludible un Plan de Prevención de Riscos que recolla as medidas fronte á COVID-19 para a celebración de eventos deste tipo.
No último requerimento para ter acceso ao expediente, despois de que nun primer intento o goberno municipal respondese cunha folla en branco, o Alcalde informa “que de momento só existe unha solicitude de uso de terreo para a celebración do festival, feita por parte da empresa organizadora. Non existindo así ningún expediente referido a ningún contrato, convenio de colaboración nin convenio de patrocinio.” Esta confirmación, negro sobre branco, da inexistencia da máis mínima documentación para a celebración deste evento e do seu patrocinio por parte do Concello de Culleredo, resulta indignante.
Observamos con preocupación como nas últimas semanas a incidencia da COVID-19 no noso concello ven elevándose cada día máis, levando a Culleredo a escalar até o nivel medio de alerta, provocando graves consecuencias no sector hosteleiro do noso municipio. Os nacionalistas teñen tamén solicitado o acceso ao expediente para a autorización da celebración do Mercado do Faro, que tivo lugar hai un par de semanas e ao que o goberno municipal aínda non deu acceso.
Parece que estamos novamente ante unha grave neglixencia por parte do goberno municipal, que anuncia a bombo e pratillo, con roldas de prensa e fotografías a esgalla, un evento con entradas xa vendidas pero que non conta coa documentación mínima imprescindible para a súa autorización. Parece temerario o anuncio do patrocinio dun festival sen contar cun documento no que se delimiten de forma clara as concesións que o Concello fará á empresa organizadora, e no que se recollan de forma transparente as obrigas desta e do propio Concello.