ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2022

O BNG lamenta o continuo esquecemento dos problemas endémicos no orzamento municipal

Fonte da Balsa, Vilaboa
Fonte da Balsa, Vilaboa

O crecemento económico das contas non se traduce nun esforzo para solucionar os retos que seguen agardando.

A mellora de Fonte da Balsa, a cuberta da pista de Ledoño, ou o saneamento para todo o concello seguen pendentes.

O BNG felicita á veciñanza pola súa gran participación e pola inclusión de varias das súas demandas no documento.

O BNG lamenta o continuo esquecemento dos problemas endémicos no orzamento municipal
Os orzamentos para 2022 chegan a Culleredo con aire primaveral, como xa vén sendo tradición. O goberno municipal non é quen de presentar o documento en tempo apropiado, que sería antes de comezar o exercicio anual. E volve esquecer os problemas que xa son endémicos en Culleredo, como xa é tradición tamén.

As contas municipais para este ano ascenden a 28 millóns de euros. Isto supón un aumento duns 5 millóns con respecto ao exercicio anterior. Sen embargo, o documento continúa a liña dos anteriores e non achega nada para as eternas promesas e as reclamacións veciñais persistentes.

A veciñanza da Fonte da Balsa, en Vilaboa, volve reclamar que se adecente a contorna do seu lugar de residencia. O goberno local ameazou con iniciar as actuacións necesarias na última campaña electoral, incluso levando material de obra á zona. Mais todo desapareceu despois da data dos comicios. A xente non oculta o seu malestar.

Ademais, varias demandas crónicas seguen sen resposta. A cuberta da pista polideportiva de Ledoño, prometida durante varios anos, parece desvanecerse no horizonte; o saneamento do 100% do concello segue sen chegar en pleno século XXI; ou a instalación de fibra óptica nas parroquias do rural, que seguirá acumulando retraso.

O máis positivo destes orzamentos é a gran participación e implicación da veciñanza propoñendo melloras para seren incluidas no documento, en gran parte grazas á campaña que puxo en marcha o BNG de Culleredo. Aínda así, moitas delas non entraron, e entre elas estaban as demandas comentadas anteriormente.
O BNG lamenta o continuo esquecemento dos problemas endémicos no orzamento municipal