URBANISMO
Regreso ao pasado. O Culleredo de José Ramón Rioboo.

- O proxecto presentado polo Concello para o Pazo dos Serrano confirma o nulo interese do Goberno Rioboo por aprobar o novo PXOM e a súa querencia por un concepto de urbanismo ancorado no pasado.
- O proxecto desbarata as previsións de preservar un espazo verde de gran valor para o desfrute dos veciños e veciñas de Vilaboa.
- Ingnóranse as advertencias da Xunta sobre o impacto da construción de edificios de até 6 alturas nun entorno con vivendas unifamiliares e edificacións catalogadas.
- O BNG solicitará o acceso e a publicación na Sede Electrónica de todo convenio existente entre os propietarios dos terreos e o Concello e elaborará un documento de alegacións que poñerá ao dispor da veciñanza.
O proxecto anunciado afecta a un ámbito á beira do Camiño de Santiago, rodeado de construcións unifamiliares e edificacións catalogadas, como son o Pazo de Vilaboa, a Vila dos Ramallal ou o propio Pazo dos Serrano. As construcións previstas, de até 6 alturas, xerarán un impacto significativo sobre estes bens, aspecto sobre o que a Xunta xa incidiu na memoria ambiental do PXOM en trámite.
Co novo proxecto o impacto, lonxe de reducirse, increméntase. Exemplo disto é a Rúa do Souto, onde se propón que a edificación se eleve 20 metros sobre o nivel da propia rúa.
O proxecto desbarata as previsións do novo PXOM de dotar o núcleo de Vilaboa dun espazo verde para o desfrute da súa veciñanza, conservando a gran variedade e cantidade de arborado existente, dotado dun incalculábel valor paisaxístico (como se recoñece no propio proxecto).
Confírmase o nulo interese do actual alcalde na aprobación dun Plan Xeral que leva sen avances significativos dende a súa entrada no goberno municipal, esquecido nalgún caixón, malia as súas reiteradas promesas e anuncios de aprobación inminente. Parece confirmarse tamén a súa querenza por un urbanismo ancorado no pasado, na era dos pelotazos urbanísticos e do todo vale, fronte a unha concepción moderna do urbanismo que prime o benestar dos veciños e veciñas.
O BNG de Culleredo procederá a elaborar un documento de alegacións, que será posto ao dispor da veciñanza, para reclamar a preservación deste espazo de inmensa riqueza arquitectónica e natural. Ao mesmo tempo, solicitará a publicación na sede electrónica do Concello de calquera convenio existente entre este e os propietarios dos terreos.