ASOCIACIONISMO

O Goberno de José Ramón Rioboo fai uso partidista dos locais sociais municipais

20220306-WA0013 cs orro rc rdx
Detalle da fachada do C.S. de Orro

Obstaculízase o uso do Local Social de Orro á Asociación Veciñal da parroquia, restrinxíndolle datas.

Impóñenselle obrigas inéditas, como a de comunicar á Policía Local o inicio e remate das actividades.

O BNG denuncia o emprego de recursos municipais para castigar a unha asociación que reivindica melloras na parroquia, denunciando os incumprimentos, demoras como a das obras na DP-0510 ou os problemas co subministro de auga potábel.

O BNG reclama un reparto transparente do uso dos locais municipais e o cumprimento dos convenios coas asociacións.
 

O Goberno de José Ramón Rioboo fai uso partidista dos locais sociais municipais

O BNG de Culleredo levou ao último pleno o trato discriminatorio que está a sofrer a Asociación Cultural e Veciñal de Orro, á que se lle está a limitar e restrinxir o uso do local social, para o que teñen un acordo de cesión co Concello, dificultando o reinicio das súas actividades trala crise sanitaria.

Así, mentras outras asociacións e centros sociais retoman as súas actividades con certa normalidade, a esta asociación respondíaselle con evasivas ás súas peticións de uso, impoñéndolle obrigas que a outras asociacións non se lles esixe, como a de comunicar á Policía Local o momento de comezo e de remate da actividade.

Por se fora pouco, o Goberno Local, a través da concelleira Jéssica Méndez, autorizou actividades nese mesmo local e nese mesmo horario organizadas por outra asociación, provocando que a Asociación Cultural e Veciñal de Orro, nun exercizo de responsabilidade, tivera que suspender as súas.

O BNG lamenta a xestión escurantista do Goberno do Sr. Rioboo no eido asociativo e participativo, que só busca crear enfrontamento e división entre os veciños e veciñas. Utilízanse os recursos municipais para castigar ás asociacións que defenden os intereses veciñais, neste caso denunciando o abandono da parroquia, os problemas co subministro de auga potábel ou os retrasos nas obras da estrada DP-0510, entre Orro e A Garrocha.

As asociacións veciñais son entidades sen ánimo de lucro que contribúen ao benestar social no seu ámbito de actuación. É preciso que se clarifiquen as normas de uso dos locais sociais, que se respecten os convenios existentes coas distintas asociacións, e que se é preciso se estableza un calendario no que, dun xeito transparente, todas poidan ter o seu oco.
 

O Goberno de José Ramón Rioboo fai uso partidista dos locais sociais municipais