PARTICIPACIÓN CIDADÁ

O BNG pide o adiamento da obra de Vilaboa até asegurar a existencia de aparcamento alternativo

10527445_638283289635984_6773438338390106796_n

Na xuntanza cos veciños e comerciantes, o Alcalde improvisou a ocurrencia de eliminar as paradas de bus, e que os buses fagan as paradas nunha vía que soporta máis de 21.000 vehículos ao día, sen nengún estudo que o avale.

A promesa de creación dun aparcadoiro alternativo, co desenvolvimento da UA16, depende dun Departamento de Urbanismo que acumula retrasos na concesión de licencias, e da aprobación dun novo PXOM paralizado na súa tramitación dende a chegada ao goberno municipal de José Ramón Rioboo.

A veciñanza e os comerciantes de Ribados aínda están a agardar polos aparcadoiros prometidos en reiteradas ocasións dende 2018.

O BNG pide o adiamento da obra de Vilaboa até asegurar a existencia de aparcamento alternativo

O BNG de Culleredo pediu no Pleno do pasado xoves o adiamento da obra da Avenida de Vilaboa, entre a ponte de autoestrada AP9 e a Igrexa, até que o Concello concretara a dotación de prazas de aparcamento alternativo.

A petición trasladouse logo de acudir á xuntanza convocada polo Concello, a petición dos comerciantes de Vilaboa, no Conservatorio. O Goberno Municipal acudiu acompañado, para avalar as súas posturas, dun enxeñeiro que leva cobrado do Concello dende 2019 150.000€ con contratos menores que contan con reparos da Intervención e da Secretaria.

Segundo os datos do propio Concello, a N550 soporta máis de 21.000 vehículos ao día, polo que a ocorrencia que o Alcalde farfullou na xuntanza cos comerciantes, de eliminar as paradas dos buses para gañar prazas, e que os buses fagan as paradas na propia vía, é unha improvisación que carece de calquera xustificación ou estudo que a avale.

Tampouco se sustenta a creación dun aparcadoiro alternativo mediante o desenvolvemento da UA16, dado o graves retrasos que se acumulan no Departamento de Urbanismo para a concesión de licencias, e cando o propio Goberno Municipal amosa un interese nulo por impular o novo PXOM, que leva 9 anos paralizado. Os mesmos que leva D. José Ramón Rioboo nese Goberno Municipal.

Ademais da reposición das prazas de aparcamento perdidas débese asegurar, antes do comezo das obras, que vai pasar cos cables de electricidade e telefonía que hai que soterrar, e como vai solventar o uso dos soportais, que son propiedade privada das distintas comunidades.

Toda precaución é pouca cando o concurso priorizaba o prezo sobre a capacidade técnica, e a experiencia previa coa empresa adxudicataria, noutras obras municipais, lévanos a falar de demoras, como no Centro Social de Sueiro, e de obras que non se axustan ao proxectado de forma ostensíbel, como a reposición de baldosas do Paseo Marítimo, realizada de forma moi parcial. 

O voceiro do BNG, Tono Chouciño, reclamou do Goberno Municipal o cumprimento dos seus compromisos coa veciñanza e cos comerciantes de Vilaboa e lembrou, entre outras obras, como "en Ribados, que aínda están a agardar polos aparcadoiros alternativos, que o Sr. Alcalde leva prometendo e anunciando dende 2018. Con estes antecedentes, como se van fiar de vostedes en Vilaboa?"

O BNG pide o adiamento da obra de Vilaboa até asegurar a existencia de aparcamento alternativo