PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Outro modelo de xestión e de participación cidadá é posíbel

O Concello de Culleredo é un cascarón baleiro

Rematou estes días o prazo para a achega de aportacións ao Orzamento Municipal de 2022, que debía estar en vigor dende o 1 de xaneiro.

O Goberno Municipal, que conta con maioría absoluta, recorta a posibilidade de deliberación e de escolla polo Consello de Participación Cidadá.

As múltiples persoas e entidades coas que contactou o BNG dixeron descoñecer o prazo e amosaron o seu interese en participar, con propostas que fuxen da grandilocuencia e da megalomanía.
 

Outro modelo de xestión e de participación cidadá é posíbel

Rematou estes días o prazo dado polo Concello para a achega pola cidadanía de aportacións ao Orzamento Municipal de 2022, proceso de recollida de propostas que apenas se divulgou dende o Goberno Municipal, evidenciando que para o Goberno de D. José Ramón Rioboo é un tributo a pagar para aparentar progresismo e non unha convicción.

Aínda queda, despois desta recollida de propostas un proceso de valoración das mesmas para a inclusión de aquelas que resulten finalmente elexidas na proposta de Orzamento que o Goberno Municipal leve a Pleno para a súa aprobación.

Isto último non debera ser problema, xa que o Goberno de Rioboo conta con maioría absoluta no Pleno Municipal.

Chama a atención que un Orzamento que xa debera estar en vigor dende hai máis dun mes e medio, dende o día 1 de xaneiro, aínda estea nesta fase de achega de propostas e careza de data certa de aprobación.

É unha anomalía que só se explica pola propia incapacidade do Goberno Municipal e polo seu interese de acomodar o trámite ao novo regulamento de participación cidadá, no que se recorta a posibilidade de deliberación e de escolla por parte do Consello de Participación Cidadá, dándolle carta de legalidade ao que xa facía nos últimos anos este goberno, infrinxindo o regulamento anterior.

Tono Chouciño manifestou que "todas as persoas e entidades coas que falamos da participación na elaboración dos orzamentos dixeron descoñecer este procedemento e os seus prazos e tiveron unha actitude positiva e propositiva, sen propostas grandilocuentes nin megalómanas, senón que maiormente solicitan investimentos austeros para cubrir necesidades básicas, demostrando unha grande corresponsabilidade no emprego dos fondos públicos. A veciñanza responde, pero o Goberno non está á altura".

Outro modelo de xestión e de participación cidadá é posíbel