TRANSPARENCIA
O Goberno Municipal segue a ocultar os convenios urbanísticos

O BNG acudiu en amparo á Valedora do Pobo en xaneiro perante a negativa do Goberno Municipal a facilitar os convenios urbanísticos asinados, importantes pola súa posible repercusión no PXOM en trámite.
A Valedora informa de que aínda non recibiu contestación do Concello á súa petición e que a repetirá lembrándolle ao Goberno Municipal a súa obriga legal de contestar.
Despois dos anuncios iniciais de transperencia, o Goberno de José Ramón Rioboo ultrapasa calquera marca anterior de opacidade e de desprezo ao control lexítimo das súas actuacións.
En escrito con data de saída do 8 de marzo, a Valedora do Pobo dirixiuse ao concelleiro do BNG para informar de que transcurridos dous meses aínda non recibiu contestación sobre o requerimento pola petición de amparo formulada por Tono Chouciño pola falta de acceso a información do Concello.
No escrito, a Valedora do Pobo comunica que se poñerá de novo en contacto co Concello para recordarlle expresamente que está obrigado pola lei a contestar ás súas peticións de información.
A petición de amparo ante a Valedora do Pobo foi motivada pola negativa do Goberno Municipal a facilitar os convenios urbanísticos que ten establecidos o Concello, información imprescindíbel para que os grupos da oposición poidan conformar a súa opinión sobre un asunto tan complexo
A súa importancia vese claramente no caso do Colexio Ría do Burgo, no que o Concello de Culleredo foi obrigado ao pagamento dunha indemnización de máis dun millón e medio de euros por un convenio urbanístico incumprido, que o Concello rematará de pagar este ano.
Para o voceiro nacionalista, é sumamente importante coñecelos para saber se están a condicionar o proxecto de PXOM en trámite. A negativa a facilitalos mostra o desprezo do Goberno Municipal ao control das súas actuacións, "tal e como comprobamos no último Pleno cando preguntamos pola Garrocha. Este alcalde anunciou unha nova etapa de transparencia pero en 4 meses ultrapasou calquera marca anterior de opacidade e ocultación da información"