Formularios de alegación e solicitude de ampliación de prazo para limpeza de fincas

IMG_20240617_125653
O BNG de Culleredo pon a disposición da veciñanza afectada formularios para a presentación de alegacións ou para a solicitude dunha ampliación no prazo para a execución dos traballos requiridos polos requirimentos enviados polo Concello de Culleredo para a xestión de biomasa.
Formularios de alegación e solicitude de ampliación de prazo para limpeza de fincas

O Concello de Culleredo emitiu nas últimas semanas unhas 6.000 dilixencias de notificación requirindo á veciñanza a xestión da biomasa nas parcelas afectadas no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, segundo o recollido na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza.

Diante das numerosas consultas que recibimos no BNG de Culleredo pola caótica situación provocada pola falta de recursos por parte do goberno municipal, da Xunta de Galiza e da empresa encargada das labores de inspección, SEAGA, para atender as demandas de información, decidimos aportar as explicacións que fomos obtendo ás preguntas máis habituais e que poñemos a disposición da veciñanza a través dunha pequena guía e dous formularios para a presentación de alegacións ou para a solicitude dunha ampliación do prazo para a execución dos traballos requiridos.

 

 

En primeiro lugar, cómpre responder a varias preguntas:

Debo limpar toda a parcela ou só unha parte?

A través do visor da Xunta ao que se pode acceder no enderezo electrónico https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/ podes consultar a parte da parcela afectada por este requirimento, a cal aparecerá sombreada en cor verde. É posible que só unha parte da parcela sexa obxecto deste requirimento. Podes realizar unha consulta a través da referencia catastral entrando no menú como se ve na seguinte imaxe.

Que especies debo limpar?

As especies que se deben limpar son só as recollidas na Lei 3/2007, nomeadamente as seguintes especies:

  • Pinus pinaster (piñeiro galego, piñeiro do país)
  • Pinus sylvestris (piñeiro silvestre)
  • Pinus radiata (piñeiro de Monterrey)
  • Pseudotsuga menziesii (piñeiro de Oregón)
  • Acacia dealbata (mimosa)
  • Acacia melanoxylum (acacia negra)
  • Eucalyptus spp (eucalipto)
  • Calluna vulgaris (queiruga)
  • Chamaespartium tridentatum (carqueixa)
  • Cytisus spp (xesta)
  • Erica spp (uz, carpaza)
  • Genista spp (xesta, piorno)
  • Pteridium aquilinum (fento)
  • Rubus spp (silva)
  • Ulex europaeus (toxo)

En ningún caso deben cortarse especies protexidas como as propias da vexetación de ribeira, moi habitual no rural galego.

E se a miña finca xa estaba limpa das especies que se deben eliminar?

En caso de que a túa finca se atope limpa (ou incluso que estivese xa limpa antes da data da suposta inspección realizada por SEAGA), podes utilizar o noso formulario de alegación para presentalo no rexistro do Concello informando de que xa estás cumprindo coa túa obriga na xestión de biomasa.

E se na miña finca non se atopan as especies sinaladas pola Lei?

Tamén nese caso podes empregar o noso formulario de alegación e presentalo no rexistro do Concello informando da situación.

E se na miña finca só contamos con árbores desas especies de xeito ornamental?

En caso de que na vosa finca contedes con algún exemplar das especies sinaladas pola lei pero que cumpra un obxectivo ornamental e que estea correctamente podada e coidada podes tamén utilizar o noso formulario de alegación, xa que se trata dunha das excepcións que se recollen na disposición adicional terceira da Lei.

E se non vou poder cumprir coa obriga de realizar a limpeza nos 15 días de prazo?

Somos conscientes de que dada a situación que provoca o envío de 6000 requirimentos a un mesmo tempo é moi complicado atopar profesionais que poidan realizar o traballo no prazo establecido. Nese caso podes solicitar unha ampliación do prazo empregando o noso formulario redactado ao efecto para presentalo no rexistro do Concello antes de que remate o prazo.

 

Se tes calqueira dúbida non deixes de escribirnos ao enderezo electrónico [email protected] desde o que intentaremos responder o antes posible.

Formularios de alegación e solicitude de ampliación de prazo para limpeza de fincas