A Asemblea do BNG de Culleredo ratifica a decisión de non pactar con Riobóo

Concelleiros electos
Concelleiros Electos do BNG de Culleredo

O compromiso e a honestidade cara os seus votantes, a defensa do interese común e o rexeitamento das políticas escurantistas do goberno de Riobóo durante os últimos 6 anos, principais motivos da formación nacionalista para non apoiar a candidatura socialista no Pleno de investidura.

Riobóo liderou durante os últimos 6 anos un goberno municipal que actuou con total falta de transparencia e de costas á veciñanza, sen ter en conta o beneficio común, no que o chanchullo foi sempre o centro de decisión.

Segundo o portavoz nacionalista, Tono Chouciño, “Non temos nada en común con Riobóo nin co seu goberno. O BNG é coherente coa súa política de defensa da veciñanza e iso é incompatible con apoiar a Riobóo como Alcalde.”

A Asemblea do BNG de Culleredo ratifica a decisión de non pactar con Riobóo
O BNG de Culleredo, a través da súa Asemblea Local, ven de ratificar a súa decisión de non apoiar a elección de José Ramón Riobóo como Alcalde no Pleno de investidura que se celebrará o vindeiro sábado. As veciñas e veciños de Culleredo amosaron un apoio maior que en anteriores comicios ao programa e a candidatura nacionalista, pasando de 1.651 a 2.886 votos (+74,80%), o que levará a 4 concelleiras nacionalistas a formar parte da vindeira corporación municipal. O apoio ao BNG sitúa á forza nacionalista como alternativa de esquerdas para gobernar Culleredo. Malia ter acadado este positivo resultado, as votantes do noso concello apoiaron maioritariamente outras opcións que teñen agora a responsabilidade de formar goberno.


Máis alá do rexeitamento a propostas de sentido común que contaban co respaldo popular, o goberno socialista rexeitou numerosas propostas do BNG para a rexeneración democrática do Concello de Culleredo, o que impide agora calquera posibilidade de encontro entre as dúas formacións: o rexeitamento a un proceso de depuración de responsabilidades en cuestións dun custo multimillonario para as arcas municipais como a liquidación do contrato de concesión da Garrocha ou a liquidación do contrato de cesión do Centro Loxístico de Ledoño e a recuperación de instalacións municipais dentro do seu ámbito; o incumprimento da sentenza que inhabilita para o traballo na función pública a unha traballadora dos servizos xurídicos do Concello (quen participou ademais activamente na campaña do PSOE); o pago sistemático de facturas fóra de calquera procedemento legal de contratación, tal e como ten advertido o Consello de Contas; os recursos sen resolver en procedementos de selección de persoal, a contratación de persoal mediante listas de contratación que vulneran os dereitos fundamentais das participantes, ou a tramitación de expedientes disciplinarios a traballadores/as feitosn a capricho; a parálise programada na legalización da contratación de servizos municipais; o incumprimento sistemático da aplicación de normas urbanísticas, mesmo coa colaboración municipal en irregularidades sobre a ordenanza de ruídos ou de licenzas de actividade; a sanción da Xunta Electoral ao grupo de goberno municipal por vulnerar os dereitos electorais do BNG; o acoso a asociacións municipais e a militantes e simpatizantes doutras formacións políticas; a decisión de non reclamar responsabilidades á empresa que instalou a fallida cuberta do Parque das Brañas en Fonteculler… O BNG de Culleredo non pode nin debe apoiar un goberno que non cumpre uns mínimos de transparencia e dignidade democrática. Polos seus feitos, o goberno liderado por Riobóo evidencia que non cumpre con eses mínimos.


Alén do anterior grupo de cuestións de índole estritamente legal, innegociables para o cumprimento de normas democráticas, no aspecto programático, nos últimos 6 anos de goberno do actual Alcalde, quedaron patentes as discrepancias entre a súa xestión e as numerosas propostas realizadas polo BNG a través das comisións e plenos municipais. Estas propostas, respaldadas por un traballo directo coa veciñanza, foron maioritariamente rexeitadas polo goberno municipal: a contratación de servizos públicos, a aprobación do PXOM, a solicitude de novas instalacións educativas e sanitarias públicas, completar a rede de saneamento, auga potable ou de fibra óptica, a defensa fronte á pegada sonora do aeroporto ou o Vial 18… todas estas propostas e máis foron rexeitadas polo goberno de Riobóo. Cómpre destacar que en todos os anos do seu mandato, nin unha soa alegación veciñal aos orzamentos foi aceptada, cando se trataba de cuestións e de servizos básicos.


O BNG de Culleredo foi ben claro e transparente na súa postura respecto do goberno socialista no noso concello. Así o trasladou durante toda a campaña en cada ocasión que tivo. Unha vez máis, a organización nacionalista amosa a súa coherencia coa decisión ratificada en Asemblea. Non corresponde ao BNG a formación dun goberno nesta ocasión, polo que non presentará a súa candidatura no Pleno de investidura do vindeiro sábado. Nestes vindeiros 4 anos, as concelleiras e concelleiros do BNG continuarán o seu labor na fiscalización do goberno municipal e como vehículo das propostas veciñais para facelas chegar ao Concello, a cada proposta, a cada orzamento, a cada plan de investimento… sempre a carón da veciñanza. 

 

A Asemblea do BNG de Culleredo ratifica a decisión de non pactar con Riobóo