AEROPORTO
Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan Director do aeroporto

Estas alegacións son complementarias ás presentadas dende o Concello de Culleredo, que o BNG subscribe.
Solicítase unha franxa mínima de 8 horas sen actividade para garantir o dereito ao descando da poboación circundante, a revisión da adecuación do aeroporto á normativa vixente, e ter en conta as alternativas de transporte para o cálculo da demanda futura.
O BNG de Culleredo presentou por rexistro, o pasado 18 de setembro, un escrito con alegacións á proposta de novo Plan Director do aeroporto de Albedro. Estas alegacións son complementarias ás presentadas polo Concello de Culleredo, que o BNG de Culleredo subscribe na súa integridade, pero considera que quedaron incompletas.
No documento presentado polo BNG sinálase que o aeroporto de Albedro é dos de maior amplitude horaria entre as cidades do seu tamaño. Para garantir o dereito ao descanso da poboación que vive nos arredores da instalación, demándase a necesidade de establecer unha franxa mínima de 8 horas sen actividade.
Demándase que se revise a adecuación do aeroporto á normativa vixente, garantindo a seguridade tanto do persoal como da pasaxe e da veciñanza. O documento presentado polo Ministerio considera inviábela adecuación á normativa en varias zonas do aeroporto, sen ofrecer alternativas e incluso remitíndose a avaliacións posteriores.
Neste aspecto, Tono Chouciño sinala que "partimos da premisa, pensamos que compartida por moita xente, de que todo aeroporto ten que cumprir as normas de seguridade vixentes, e non caben interpretacións intermedias. Ou se cumpren ou non se cumpren."
Tamén se bota en falta, para o cálculo da demanda futura, un estudo de alternativas tendo en conta outros medios de transporte, e a necesaria coordinación cos restantes aeroportos galegos.
Para o portavoz nacionalista "é hora de avanzar na constitución do Sistema Aeroportuario Galego, facilitando a accesibilidade das tres terminais a través de vías de alta capacidade como a AP9 e os camiños de ferro. Para Albedro, e para as persoas que vivimos na Área Metropolitana da Coruña, iso traería moitos máis beneficios que calquera ampliación das actuais instalacións aeroportuarias."