ABANDONO

O BNG urxe a toma de posesión dos bens municipais no CLT de Ledoño

IMG_20240602_195053_736
Neumáticos e chatarra acumulados no CLT

Diante das preguntas do BNG o goberno municipal admitiu que non existe impedimento para a toma de posesión dos bens declarados públicos por sentenza xudicial.

Entre os bens que deberían pasar a mans públicas atópanse varios edificios ou o aparcadoiro de camións e a báscula.

O BNG urxe a toma de posesión dos bens municipais no CLT de Ledoño

O BNG de Culleredo vén de reclamar do goberno municipal a inmediata toma de posesión dos bens declarados públicos por sentenza xudicial hai xa máis dun ano e que forman parte do Centro Loxístico de Transportes situado na parroquia de Ledoño. Tras anos de litixio coa empresa concesionaria, declarada en concurso de acredores e que non cumpríu as condicións do contrato, a Audiencia Provincial da Coruña aclarou que o Concello de Culleredo é propietario non só dos viais do CLT, mais tamén dos edificios de recepción de tripulacións e o de usos administrativos así como do aparcadoiro e a báscula de camións que están sendo explotados por empresas privadas sen contar con ningún contrato de concesión. Estas instalacións deberían estar actualmente en mans públicas sendo postas a disposición para a oferta de servizos públicos en lugar de para o beneficio privado.

No último Pleno Municipal, celebrado o pasado 25 de xuño, o BNG de Culleredo preguntou polo motivo do retraso na toma de posesión destes bens, sen que o goberno municipal, nin por voz da concelleira delegada nin do propio Alcalde, fora quen de explicar a existencia de impedimento legal algún.

Os empresarios e traballadores do CLT de Culleredo teñen denunciado en múltiples ocasións o actual estado de abandono destas instalacións públicas, a falta de mantemento de viais ou do alumeado público, así como múltiples actividades sen licenza ou de carácter distinto ás reservadas para un centro loxístico. Estas actividades están limitadas pola declaración como Centro Loxístico pola Xunta de Galiza, facendo destas instalacións un espazo estratéxico dentro da rede de transportes de bens e mercadorías de Galiza que así está recoñecido na declaración publicada no seu día no DOG. Por tanto, o BNG esixe da Xunta o exercicio das súas labores de control e supervisión do mantemento do CLT para que cumpra o obxectivo para o que foi creado.

A toma de posesión dos bens municipais debería ser o primeiro paso do Concello de Culleredo nun plan de impulso do CLT como centro de referencia para o sector loxístico, a continuar por reclamar os servizos que foron proxectados e vaidados pola Xunta, como un hotel, unha estación da ITV ou unha estación intermodal conectada cos servizos ferroviarios para o transporte de mercadorías.

 

O BNG urxe a toma de posesión dos bens municipais no CLT de Ledoño