O BNG denuncia desigualdades no trato aos funcionarios municipais

O BNG denuncia desigualdades no trato aos funcionarios municipais

No Pleno celebrado o pasado 29 de maio, deuse conta do reparo da Interventora Municipal referente ao pago que o actual goberno municipal está a facer de xeito continuado de horas extraordinarias a determinados traballadores do corpo de policías municipais, pois aumenta a masa salarial e incumple o convenio colectivo. Dito reparo foi levantado polo Alcalde.

O Convenio Colectivo establece que as horas extras deben ser compensadas con horas de descanso, como se fai coa meirande parte do persoal

No reparo que formula a habilitada nacional, lémbrase que no artigo 49 do Acordo Negociado das Condicións de Traballo do Personal Funcionario, recóllese o carácter excepcional das horas extraordinarias e que cando sexan precisas por necesidades do servizo, deberán ser motivadas e compensadas por tempo de libranza, como se fai habitualmente non só cos membros da policía local, senón con todos os traballadores e as traballadoras do Concello de Culleredo.

Cando o BNG, aínda no goberno municipal, propuxo aboar a paga extraordinaria que o goberno do Estado roubou aos traballadores, un dos argumentos principais que expuso o Alcalde para non facelo foi precisamente a dificultade de levantar o reparo da Intervención, mais desta vez levantouse o reparo e se gratificou extraordinariamente a uns traballadores escollidos discrecionalmente.

Con 6 profesionais máis o Goberno Municipal é incapaz de organizar o traballo sen recurrir ás horas extras

Tendo en conta que a policía municipal ten 6 membros máis que hai un ano, dende o Bloque Nacionalista Galego de Culleredo preguntámonos como era que antes se organizaba o servizo sen recurrir a horas extras e agora se abonan con carácter discrecional tódolos meses, sen ter en conta o reparo da Interventora Municipal.

Toda a resposta que se obtivo do Goberno Municipal foi que “cada un organiza o servizo como quere”, que este goberno non era o mesmo que o de hai un ano, e que o criterio de a quen se lle aboaban en efectivo as horas extras e a quen se lle compensaban con días libres era “depende”.

Dende o Bloque Nacionalista Galego de Culleredo queremos denunciar a discriminación que está a facer o Goberno Municipal entre traballadores e traballadoras do Concello, así como o seu nulo rigor no uso dos fondos públicos, en base a uns criterios totalmente subxectivos e arbitrarios e prescindindo do criterio do persoal técnico.

O BNG denuncia desigualdades no trato aos funcionarios municipais