Culleredo sen goberno

Culleredo sen goberno

No pleno municipal celebrado onte en Tarrío o Goberno Municipal voltou amosar que as liortas internas o teñen demasiado ocupado como para adicarse ao goberno do Concello e a xestionar asuntos tan pouco importantes como pode ser o subministro de auga aos veciños e veciñas de Culleredo.

Despois de 25 anos, acordáronse de que o contrato con Gestagua, asinado o 27 de xuño de 1989, sendo xa alcalde d. Julio Sacristán de Diego, cunha duración de dez anos prorrogabeis por outros tres, e que foi prorrogado por quince anos máis en 1996, remataba o mesmo día do pleno.

Así, no último intre levaron a pleno, e aprobaron cos seus únicos votos, unha prórroga a todas luces ilegal, tal e como informan a Interventora e a Secretaria municipais, habilitadas estatais, que consideran que se incumpren requisitos legais esenciais e que é legalmente imposíbel realizar unha nova prórroga.

ASUNCIÓN DE RESPONSABILIDADES

Dende o BNG de Culleredo consideramos que é unha auténtica vergoña e mostra de total ineptitude un despiste de tal calibre nun servizo esencial para toda a veciñanza, e reclamamos a depuración de reponsabilidades por un feito que podería traer importantes prexuízos ao Concello, xa que, tal e como dixo Raquel Jabares no pleno, "a veciñanza pode quedar sen subministro de auga potábel".

Solicitamos tamén a recuperación da xestión pública do servizo de abastecemento de auga, en base a uns principios de rigor, eficacia e transparencia, antepondo as necesidades dos veciños e veciñas aos intereses mercantilistas das grandes corporacións multinacionais, e rematando co que demostrou ser un importante foco de corrupción, como se está a comprobar na actualidade cos casos destapados en operacións xudiciais como a Pokemon, e o papel xogado por concesionarias de servizos públicos privatizados como Vendex ou Aquagest.

Culleredo sen goberno