Imprimir

Alegacións do BNG de Culleredo ao Plan Director do aeroporto

bngculleredo | 22 de Septembro de 2018

2018 novo plan director máxima expansión
2018 novo plan director máxima expansión

Estas alegacións son complementarias ás presentadas dende o Concello de Culleredo, que o BNG subscribe.

- Solicítase unha franxa mínima de 8 horas sen actividade para garantir o dereito ao descando da poboación circundante, a revisión da adecuación do aeroporto á normativa vixente, e ter en conta as alternativas de transporte para o cálculo da demanda futura.

O BNG de Culleredo presentou por rexistro, o pasado 18 de setembro, un escrito con alegacións á proposta de novo Plan Director do aeroporto de Albedro. Estas alegacións son complementarias ás presentadas polo Concello de Culleredo, que o BNG de Culleredo subscribe na súa integridade, pero considera que quedaron incompletas.

No documento presentado polo BNG sinálase que o aeroporto de Albedro é dos de maior amplitude horaria entre as cidades do seu tamaño. Para garantir o dereito ao descanso da poboación que vive nos arredores da instalación, demándase a necesidade de establecer unha franxa mínima de 8 horas sen actividade.

Demándase que se revise a adecuación do aeroporto á normativa vixente, garantindo a seguridade tanto do persoal como da pasaxe e da veciñanza. O documento presentado polo Ministerio considera inviábela adecuación á normativa en varias zonas do aeroporto, sen ofrecer alternativas e incluso remitíndose a avaliacións posteriores.

Neste aspecto, Tono Chouciño sinala que "partimos da premisa, pensamos que compartida por moita xente, de que todo aeroporto ten que cumprir as normas de seguridade vixentes, e non caben interpretacións intermedias. Ou se cumpren ou non se cumpren."

Tamén se bota en falta, para o cálculo da demanda futura, un estudo de alternativas tendo en conta outros medios de transporte, e a necesaria coordinación cos restantes aeroportos galegos.

Para o portavoz nacionalista "é hora de avanzar na constitución do Sistema Aeroportuario Galego, facilitando a accesibilidade das tres terminais a través de vías de alta capacidade como a AP9 e os camiños de ferro. Para Albedro, e para as persoas que vivimos na Área Metropolitana da Coruña, iso traería moitos máis beneficios que calquera ampliación das actuais instalacións aeroportuarias.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas2/alegacions-do-bng-culleredo-ao-plan-director-do-aeroporto/20180922155244001835.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Bloque Nacionalista Galego de Culleredo

Rúa do Concello s/n

15189 Culleredo

culleredo@bng-galiza.org