Días de loito oficial

Días de loito oficial

Transmitimos, neste momento de dó, todo o noso apoio e a solidariedade ás familias e persoas achegadas dos afectados no terríbel accidente ferroviario que tivo lugar no noso país. Agradecemos, ao mesmo tempo, a todas as persoas que participaron no rescate a necesaria e impresionante lección de humanidade e solidariedade que deron coa súa actuación, nomeadamente os veciños e veciñas de Angrois e os traballadores dos servizos públicos de emerxencia.

Crise moral

Lamentamos fondamente a decisión adoptada polo Goberno municipal de Culleredo e da Comisión de Festas do Burgo de continuar coa programación das festas, mesmo alongándoas un día máis, cando en toda Galiza están declarados sete días de loito oficial.

Lamentamos, ademais, que dende o Concello se empregue como xustificante a crise económica, cando o que se está a demostrar, en toda a súa crueza, é unha auténtica crise moral. Existen fórmulas que permitirían minimizar as perdas económicas dos empresarios, ao tempo que permitirían trasladar o sentimento de respecto de toda a sociedade cullerdense cara ás vítimas da catástrofe e cara ás súas familias.

Lamentamos, en fin, a nula capacidade de iniciativa e liderado que está a amosar o Goberno municipal en momentos difíciles en que toda Galiza está conmocionada.

Por último gostarianos resaltar e parabenizar aos veciños e veciñas de Castelo, así como os membros da súa Comisión de Festas, polo seu exemplar comportamento solidario, por suspender as súas festas por iniciativa propia.

Días de loito oficial