O BNG esixe solución aos problemas do Conservatorio, perante a falta de iniciativa do Goberno Rioboo

Acto no Conservatorio municipal de Culleredo
Acto no Conservatorio municipal de Culleredo
- O BNG de Culleredo esixe compromiso do Goberno Municipal co alumnado e profesorado do Conservatorio, e unha solución áxil e eficaz aos problemas denunciados polas familias.
- O Grupo Municipal do BNG reuniuse esta semana con representantes da ANPA do Conservatorio, para coñecer a problemática e amosar o apoio ás súas reivindicacións.
- O BNG xa solicitou en xaneiro de 2022 a dimisión ou cesamento da concelleira de Persoal, pola súa incapacidade e opacidade para xestionar as ofertas de emprego e as listaxes de substitución, que xa daquela xeraban queixas entre a comunidade do Conservatorio.
- O BNG anima á veciñanza a participar na concentración convocada pola ANPA do Conservatorio para este mércores 8, ás 17:00 h., diante do Centro.
O BNG esixe solución aos problemas do Conservatorio, perante a falta de iniciativa do Goberno Rioboo

O BNG de Culleredo amosa todo o seu apoio a alumnado, profesorado e familias, e esixe do Goberno Municipal unha solución áxil e eficaz dos problemas de xestión do Conservatorio Municipal de Música, tal e como é o seu deber, deber que levan varios anos incumprindo.

O BNG de Culleredo xa solicitou en xaneiro de 2022 a dimisión, ou no seu defecto o cesamento, da concelleira delegada de Persoal, Sra. Marta Figueroa, por, entre outros motivos, a súa incapacidade e opacidade para xestionar as ofertas de emprego da administración municipal e as listaxes de substitución, que xa daquela xeraban queixas entre alumnado e familias do Conservatorio.

Esta semana os membros do Grupo Municipal do BNG reuníronse con representantes da Asociación de Nais e Pais do Centro, para coñecer as súas demandas e transmitirlles o seu apoio e preocupación pola situación que están a vivir.

A día de hoxe as eivas na xestión do profesorado continúan, malia todas as promesas feitas de pronta solución do problema, sumándoselle agora a demora na emisión dos recibos para o aboamento da taxa mensual.

No último Pleno Municipal, perante as preguntas do BNG, o alcalde, Sr. Rioboo recoñeceu a súa incapacidade para resolver os problemas de xestión no Centro, e a súa total falta de ideas para solucionalos.

O Concello debe dispor dunhas listas de chamamentos actualizadas todos os anos, tal e como lle demandan desde a Secretaría Municipal. Pero nada podemos agardar dun alcalde que está desaparecido das súas responsabilidades, dunha concelleira de Cultura que non fai nada para xustificar a súa suposta dedicación retribuída e dunha concelleira de Persoal que deu mostras sobradas da súa incapacidade e para a que pedimos xa hai tempo a dimisión.

O BNG de Culleredo chama á veciñanza a apoiar as reivindicacións da ANPA do Conservatorio, acudindo á concentración convocada por esta para o vindeiro mércores, día 8, ás 17:00h, ás portas do Centro.

O BNG esixe solución aos problemas do Conservatorio, perante a falta de iniciativa do Goberno Rioboo