Co impulso do BNG, o concello de Culleredo creará un banco de pisos para persoas desafiuzadas

Co impulso do BNG, o concello de Culleredo creará un banco de pisos para persoas desafiuzadas

Culleredo, 27 de decembro de 2012.- O concello de Culleredo manterá o subministro de auga aos veciños con informe social, aínda que rexistren impagos. A Comisión Especial para Desafiuzamentos de Culleredo, impulsada polo BNG dende o goberno municipal recollendo as demandas da sociedade, acordou esta semana na súa primeira reunión pór en marcha medidas como a creación dun banco de pisos nos que só haxa que pagar as facturas de gastos correntes; reclamar maior flexibilidade ás compañías eléctricas e de gas ou comunicar aos bancos que o Concello retirará os seus fondos das entidades que executen desafiuzamentos.

A edil de Benestar e Servizos Sociais do BNG, Raquel Jabares, que presidiu a primeira sesión da Comisión explica que se acordou constituír un banco de pisos nos que os inquilinos só teñan que pagar as facturas de subministro e non haxa rendas de aluguer. O concello exercerá de intermediario entre os propietarios e os arrendatarios.

“Stop Desafiuzamentos comentounos que xa se está a facer noutros concellos, nos que si hai donos de pisos que aceptan alugalos así, así que ímolo intentar tamén en Culleredo”, apunta Jabares.

A Comisión tamén dirixirá escritos á Consellería de Industria da Xunta de Galiza e ás compañías eléctricas e gasísticas para reclamar que deixen de cobrar a alta aos usuarias que se lles cortou o servizo por non poderen facer fronte ás facturas. O organismo comunicarase tamén con entidades bancarias e advertiralles que o Concello retirará os seus fondos das que executen desafiuzamentos en Culleredo.

A Comisión, integrada polos grupos políticos, técnicos municipais e entidades sociais, reunirase cada catro meses, agás cando apareza algún caso que requira a súa intervención. Para iso, constituíuse unha comisión técnica operativa, que estudará os casos e levaraos á Comisión Especial. Este grupo estará integrado por traballadoras dos Servizos Sociais, técnicos de Consumo, un asesor xurídico-social, un membro de Stop-Desafiuzamentos e un integrante de Adicae. Esta comisión delegada reunirase xa á volta do Nadal e abordará casos xa en proceso de veciños que xa teñen algunha débeda.

Unha campaña dará visibilidade a este servizo para tratar de que os veciños soliciten asistencia cando rexistren as primeiras dificultades, en lugar de agardar a acumular varios impagos. “Os casos chegan moi avanzados e é moi difícil manobrar”, apunta Jabares. A concelleira de Servizos Sociais asegura que o Concello “paga máis alugueres que hipotecas” nas axudas a veciños sen recursos.

A edil do BNG advirte de que “2013 preséntase complicado porque moitos veciños terminarán as prestacións por desemprego”. Jabares amosouse satisfeita tras a primeira reunión e asegurou que as propostas partiron das asociacións.

Co impulso do BNG, o concello de Culleredo creará un banco de pisos para persoas desafiuzadas