O BNG critica á posta en venda por Defensa do solar do antigo polvorín de Culleredo

O Ministerio de Defensa acaba de poñer á venda a parcela do antigo polvorín de Culleredo, situada próxima á Terceira Ronda, o que supón unha grave deslealdade institucional coa administración municipal, pois o Ministerio era coñecedor dos plans do novo PXOM de Culleredo, que reserva esta parcela como a locación dunha importante actuación pública como é a creación do Parque Funerario Civil do Concello.
Esta maniobra do Ministerio pon, en opinión do BNG de Culleredo, en grave perigo esta infraestrutura, da que carece Culleredo, pois a súa venda por medio de subasta, fará moi complicado que o concello poida ter acceso á súa compra ou intercambio, imposibilitando na práctica o desenvolvemento dos usos previstos no novo PXOM.
En palabras da voceira nacionalista, Raquel Jabares, ou ben o alcalde mentiu, ou ben Defensa non cumpliu o pactado, pois segundo o alcalde xa se produciran xestións con Defensa para o traspaso do terreo.
Por outra banda, o anuncio na web do ministerio publicita a parcela como Suelo urbanizable en el Sector 6, con desarrollo urbanístico supeditado a la existencia de actuación privada concertada, presentando así a parcela como un xugoso caramelo urbanístico. Jabares insistiu en que desde o BNG non van apoiar ningún cambio de uso inmotivado para a parcela que revirta a súa clasificación como dotación pública.
Jabares, que enmarcou a operación no espíritu da burbulla inmobiliaria e da especulación máis propio doutras épocas, asegurou que non nos gustaría que isto fose un pretexto para realizar cambios no PXOM que o baleiren de solo para dotacións públicas, especialmente nun concello coma o noso con déficit histórico nas mesmas. Sería un moi mal precedente, engadiu.