INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
Volvemos levar ao Pleno a situación da Garrocha

Malia termos preguntado en numerosas ocasións, seguimos sen poder constatar o pagamento do canon anual pola empresa concesionaria, que ascende a 24.000€ anuais.
As instalacións da Garrocha poderían axudar a cubrir a demanda existente de instalacións deportivas por parte de veciñanza e dos clubes, e ser un referente a nivel comarcal.
08 set. 2018 - 18:54
O BNG de Culleredo volverá preguntar no vindeiro Pleno Municipal pola situación do Complexo Deportivo da Garrocha, e o pagamento pola concesionaria do canon anual, que ascende a 24.000€.
Malia ter preguntado en numerosas ocasións ao Goberno Municipal pola situación en que se atopa este contrato, só se obtiveron respostas evasivas.
O Complexo Deportivo da Garrocha, propiedade municipal, contaba cando se inaugurou cunhas instalacións que incluían piscina, sauna, restaurante e canchas de tenis.
Non se entende que un concello coma Culleredo, con 30.000 habitantes e con puxanza demográfica, con xente nova demandante de instalacións deportivas e con clubes organizados, non dispoña dunha piscina municipal cuberta.
Para Tono Chouciño "as longas colas que observamos estes días na piscina de Acea de Ama, amosan a demanda existende dunha instalación municipal. Na Garrocha temos unha piscina ao aire libre que permitiría proxectar unha instalación para cubrir a demanda de espazos da veciñanza e dos clubes relacionados coa natación no noso Concello, tal como algún xa ten demandado".
O representante nacionalista lembra que "en Culleredo temos un déficit de instalacións deportivas, e as da Garrocha poderían prestar un servizo moi importante ás nosas veciñas e veciños, constituíndose nun referente para toda a Comarca".