EDUCACIÓN

O goberno de Culleredo admite finalmente que o novo colexio non abrirá para o próximo curso

Tras xustificar en múltiples ocasións a necesidade do novo centro polo crecemento demográfico do concello, agora o goberno local admite a posición da Consellería para retrasar a apertura baseada nas novas cifras de matriculación.

No curso 2016/2017 hai en Culleredo 20 aulas que superan o límite máximo de 25 alumnos, outras 25 aulas que están no límite de capacidade e outras 10 que foron creadas de maneira extraordinaria polo exceso de matrícula.

O goberno de Culleredo admite finalmente que o novo colexio non abrirá para o próximo curso

Despois de negar en reiteradas ocasións os evidentes retrasos na construcción do novo colexio de educación infantil e primaria proxectado pola Consellería de Educación, o goberno do Concello de Culleredo admitiu finalmente no último pleno municipal que o centro non entrará en funcionamento para o próximo curso 2017/2018. 

Tras comprobar que o novo colexio non se atopaba entre os centros ofertados pola Consellería de Educación para novas matriculacións, o goberno local non pudo máis que admitir o evidente ante unha pregunta formulada polo portavoz e concelleiro do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo Tono Chouciño. En anteriores ocasións o goberno socialista do Concello de Culleredo negou e rexeitou a preocupación amosada polo BNG ante os prazos propostos pola Xunta de Galicia para a construcción desta nova instalación educativa que, cando menos, retrasaban a súa apertura ata a primavera de 2018. 

Durante a visita do Conselleiro de Educación Román Rodríguez o pasado mes de xullo, o Alcalde de Culleredo chegou a declararse satisfeito co avance do proxecto e coa axilidade das iniciativas da Consellería de Educación no Concello, remarcando que o novo CEIP era unha necesidade debido ao crecemento da poboación do concello. Segundo sinala Tono Chouciño, "o goberno municipal fachendaba despois daquela visita de ter o compromiso da Consellería para poñer en funcionamento o centro no próximo curso, pero agora se evidencia o valor da palabra dos responsables autonómicos e a nula capacidade do señor Sacristán para facer valer esa palabra en defensa dos dereitos da veciñanza de Culleredo".

Agora o goberno municipal admite a posición e as excusas da administración autonómica para retrasar a apertura do centro ata o curso 2018/2019, baseándose únicamente nas cifras de matriculación para o próximo curso. "O goberno municipal non quere facer fronte á saturación das aulas nos colexios de educación infantil e primaria de Culleredo, con 20 das 88 aulas superando o límite máximo de 25 alumnos, e outras 25 aulas cheas ata a máxima capacidade. Ademáis, neste curso 2016/2017, Culleredo conta nos seus colexios con 10 aulas habilitadas de forma extraordinaria polo exceso de matrícula, ocupando espacios que deberan ser destinados a bibliotecas, laboratorios, talleres... Desde o BNG consideramos esta situación suficientemente grave como para reivindicar a apertura do novo colexio no próximo curso".

O goberno de Culleredo admite finalmente que o novo colexio non abrirá para o próximo curso