SANIDADE

Caos na apertura do novo Centro de Saúde

Acea de Ama luns tarde
Cola en Acea de Ama na tarde do luns para tramitar cambios na asistencia sanitaria

A improvisación e falta de información na apertura do Centro de Saúde do Portádego orixinou longas colas nos mostradores tanto do Portádego como de Acea de Ama, polo que é preciso reforzar o servizo de atención.

A Xunta incumpre o compromiso de crear dous novos cupos de medicina de familia e baixar os cupos a 1500 usuarios, ao tempo que reduce a atención pediátrica en horario de tarde.

No Centro do Portádego aínda están por resolver tanto os accesos peonís dende a N550 como o problema do aparcamento, malia ter o Goberno Municipal aprobación dende agosto para acondicionar o campo de fútbol para ese fin.

Caos na apertura do novo Centro de Saúde

A falta de información que xa denunciabamos a semana pasada, e a improvisación, derivaron este luns nun caos na apertura do novo Centro de Saúde, con longas colas de persoas que se acercaron ao Portádego e Acea de Ama a informarse e tramitar cambios de cupo.

Para Tono Chouciño, "unha vez que non informaron con antelación suficiente, o mínimo que deberían ter feito é prever a grande afluencia dos primeiros días aos centros para tramitar os cambios, reforzando o servizo de atención, e así aforrarnos estas colas e esperas, que son resultado da súa incompetencia".

O voceiro nacionalista amosou tamén a súa preocupación pola creación dun só cupo novo de medicina de familia "cando o alcalde nos afirmara que se ían crear dous novos cupos. Xa sabemos que non é competencia súa, pero a súa obriga era vixiar o cumprimento por parte da Xunta das súas promesas, cousa da que non se acordaron até o último intre".

"A consecuencia deste incumprimento é que a ratio de pacientes por médico en Acea de Ama e no Portádego vai seguir a ser superior aos 1500, incumprindo o seu propio obxectivo, e tamén se reduce a atención pediátrica en horario de tarde, dificultando a conciliación da vida laboral e familiar".

Tono Chouciño lamentou tamén a improvisación do Goberno Municipal cos accesos peonís dende a N550 e cos aparcamentos, "teñen a aprobación dende agosto para construír un aparcamento no campo de fútbol e non só non está feito, senón que esperaron á apertura do centro para improvisar unhas rampas para o acceso dos vehículos, habilitando un espazo para as ambulancias totalmente inadecuado".

O representante do BNG-Asembleas Abertas lamentou estas incidencias, e pediu a ambas administracións "un mínimo de interese" en facilitar o acceso dos usuarios aos servizos sanitarios, "as cousas, querendo, pódense facer  un pouquiño mellor, un pouquiño bastante".

Caos na apertura do novo Centro de Saúde