PARÁLISE

O Goberno Municipal instala Culleredo na parálise

2018 05 31 pleno

As irregularidades na xestión dos fondos públicos de Culleredo alcanzan niveis alarmantes.

En dous meses aprobouse o pagamento de máis de 1.100.000 € en facturas con reparos da Secretaría e da Intervención municipais, por teren detectado irregularidades.

Entre estes pagamentos figuran servizos sen contrato, como o do Gabinete de Comunicación, e outros con contrato vencido dende hai varios anos, como a subministración de auga potábel ou a limpeza viaria.

O Goberno Municipal instala Culleredo na parálise

No pleno do pasado xoves,  o Goberno Municipal dou a obrigada conta do levantamento polo Alcalde dos reparos da Interventora e as advertencias da Secretaria, ao pagamento de facturas por un importe superior aos 600.000€, por ter detectado irregularidades nos pagos.
 
É o segundo mes consecutivo no que o Goberno Municipal dá conta do pagamento de facturas con reparos. En total, levamos nestes dous meses máis de 1.100.000€ en facturas con reparos, sobre un orzamento anual de 22 millóns.
 
Entre as facturas figuran varias do servizo do Gabinete de Comunicación, do que non parece haber contrato anterior a 2018, o que leva á Secretaría advertir da gravidade que suporía a contratación verbal do mesmo, "ó supoñer unha omisión total e absoluta do procedemento legalmente establecido e que constitúe unha causa de nulidade de pleno dereito".
 
Sinala tamén no seu informe que procede a revisión de oficio deste contrato, o que ratifica as sospeitas que levaron ao BNG a presentar unha moción nese sentido neste mesmo Pleno, que foi aprobada co apoio de todos os grupos agás o PSOE. Quedou en evidencia que estamos pagando entre todos a propaganda do grupo de goberno.
 
Figuran tamén facturas de servizos que se están a prestar sen contrato tralo vencemento dos anteriores, como son o da subministración de auga potábel, o da limpeza viaria, o de axuda a domicilio, ou os de mantemento de diversos parques e xardíns, nunha listaxe que vai progresivamente en aumento.
 
A ausencia de contratación legal, redunda en prexuízo dos prezos ao non haber concorrencia de ofertas. Entre todos e todas estamos pagando un plus a aquelas empresas que non pasan pola competencia obrigada nos procesos de contratación pública.
 
Para o voceiro nacionalista, Tono Chouciño, "esta é unha mostra da parálise na que o actual Goberno municipal ten somerxido ao Concello de Culleredo, máis ocupado na propaganda que en traballar para sacar os temas adiante, coa axuda dos grupos que lle dan soporte cando o precisa. Non sabemos cantas veces lles escoitamos anunciar que ían licitar estes contratos ou traer a pleno a aprobación do PXOM. Eses anuncios nunca se cumpren. Este alcalde empeorou ao anterior na disposición dos cartos públicos sen control, como quen colle dun saco, e a veciñanza de Culleredo non pode estar eternamente á espera de que lles apeteza pórse a facer o traballo para o que se supón foron nomeados".

O Goberno Municipal instala Culleredo na parálise