NATUREZA
Demandamos compensar as árbores taladas no parque de Acea de Ama

O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo manifesta a súa preocupación polo abandono crecente do Parque Deportivo de Acea de Ama e a reducción do espazo natural propiamente dito, e pide a compensación das talas realizadas mediante a reposición con especies autóctonas.
O BNG-Asembleas Abertas de Culleredo manifesta a súa preocupación polo abandono crecente do Parque Deportivo de Acea de Ama e a reducción do espazo natural propiamente dito. O Parque sufriu numerosos recortes na súa extensión pola incapacidade do Goberno Municipal para obter terreos alternativos para a construción dos necesarios centros educativos, malia a importante actividade urbanística e o crecemento poboacional experimentado por Culleredo nas últimas décadas do século XX e principios do XXI.
Tono Chouciño, representante do BNG, lamentou a perda do que podía ter sido o gran parque do conglomerado urbano de Culleredo, así como o deterioro que presenta. "Cun mantemento axeitado das zonas verdes evitaríanse incidentes como a caída dunha árbore sobre varios coches aparcados, que afortunadamente non provocou danos persoais".
O espazo onde estaban os coches "até hai pouco eran canchas de baloncesto e de fútbol, non sabemos se antes de acondiconalas como aparcadoiro se estudou a estabilidade do terreo, pois o peso a soportar non é o mesmo, tendo en conta que onde agora está o Parque é un terreo extremadamente húmido e incluso por zonas pantanoso".
O voceiro nacionalista anunciou que o BNG se dirixirá á Secretaría Xeral para o Deporte para pedir un estudo do estado do espazo natural do Parque, e a compensación das talas realizadas mediante a repoboación con especies autóctonas, de xeito que poida volver ser un espazo natural para o desfrute dos veciños e veciñas de Culleredo.