AUGA POTÁBEL
O BNG urxe solucionar os problemas do subministro de auga potábel

Esta semana reperíronse os problemas coa turbidez da auga da traída en Culleredo, que se veñen repetindo con demasiada frecuenza.
Aínda que o Goberno Municipal, a preguntas do voceiro do BNG-Asembleas Abertas, ten afirmado que non supón perigo para a saúde, é preciso atopar a orixe do problema e pórlle remedio.
Esta semana volveron producirse en Culleredo problemas pola turbidez da auga da traída, que orixinou numerosas queixas de veciños e veciñas do noso Concello.
Estas incidencias repítense con moita asiduidade e dende o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo xa se lle transladou ao Goberno Municipal a necesidade de atopar a súa orixe e pórlle remedio. Até o de agora os responsábeis muncipais limitáronse a afirmar que a salubridade da auga subministrada estaba asegurada, mentras que as empresas encargadas do subministro afirman descoñecer a orixe destes problemas.
Tono Chouciño lembra que o servizo de subministro de auga potábel está a prestarse en precario "dende xuño de 2015, despois dunha prórroga xa cualificada de ilegal pola secretaría e a intervención muncipais, a empresa encargada do subministro está a prestar o servizo sen contrato, o que nos ofrece dúbidas sobre o uso dos datos dos veciños e veciñas na xestión diaria".
Para o voceiro nacionalista é moi difícil que nesta situación de precaridade se poida planificar e prestar un servizo desta magnitude nas condicións axeitadas, "é preciso rematar dunha vez con esta situación na que ninguén sabe nada, ninguén parece ser responsábel, e que, como estamos a ver, só provoca prexuízos e inseguridade aos nosos veciños e veciñas".