SERVIZOS SOCIAIS
O BNG pregunta ao goberno municipal de Culleredo pola situación da vivenda de tránsito.

O día 8 de Maio, ante dous casos de emerxencia social, non había dispoñibilidade de vivenda de tránsito, que levaría anos habitada polas mesmas persoas, perdendo a utilidade para a que está destinada.
A noite do 8 de Maio perto da media noite, houbo un incendio en Fonteculler presenciado por varios veciños que transitaban pola zona. Acudiran con prontitude e eficacia os bombeiros, a policía local e a garda civil. Unha persoa que vivía nun pequeno galpón nun solar, sufrira un incendio. Non houbo danos persoais, pero perdeu todo o que tiña alí.
Os funcionarios intentaban buscar unha solución de aloxamento para esta persoa, pero ante o interese do concelleiro do BNG pola vivenda de tránsito, a resposta foi que leva anos sen que poida dispoñerse dela por estar habitada de forma continuidade pola mesma xente.
Finalmente a solución foi unha institución de beneficiencia noutro concello limítrofe.
Esa tarde xa houbera outra situación parecida que tamén houbo que resolver de forma allea aos recursos municipais.
A solución da vivenda de tránsito, debe ser, como o seu nome di, transitoria no tempo, e non permanente.
Entendemos que é inadmisible que o goberno municipal teña os recursos utilizados desta forma, privando aos funcionarios públicos das ferramentas para dar solución aos problemas. E máis aínda, que se teña que acudir a institucións benéficas, mesmo doutros concellos, para resolver situacións de emerxencia, cando reiteradamente o goberno municipal gábase de ter superávit nas súas contas.
Con este motivo, o voceiro municipal do BNG, Tono Chouciño, ven de rexistrar unha pregunta aos responsables municipais, para que aclaren a situación e para que dunha vez por todas se estableza un protocolo ben definido, que conte con un sistema de asignación claro e axil dos recursos dispoñibles.