O BNG solicita que o Concello de Culleredo se presente como acusación particular na instrución da denuncia da Garrocha

Vólvese pedir tamén depuración de responsabilidades
A débeda elevouse a 326.000 euros, só polo concepto de impago do canon anual
O BNG de Culleredo solicita ao concello que tome a iniciativa na denuncia polas instalacións deportivas da Garrocha e que presente denuncia como acusación particular na instrución xudicial iniciada a raíz da denuncia interposta pola Fiscalía. O procedemento segue o seu curso e os intereses da veciñanza deben ser defendidos.
Paralelamente, tamén se demanda que se incoe un expediente de depuración de responsabilidades polas cuantiosas perdas derivadas deste caso, debido á nefasta xestión ―ou falla dela― da concesión das instalacións deportivas situadas no monte Costa, máis comunmente coñecidas como A Garrocha.
A concesión do complexo foi rescatada tras as reclamacións do BNG, despois de varios anos de contrato. O canon anual levaba dez anos sen ser pagado, nin se lle requiriu que o fixera en todo ese tempo, polo que a débeda por este concepto ascendían a 326.000 euros. Os informes do concello tardan ou non chegan a coñecemento do pleno, malia a insistencia do BNG, que leva case dous anos solicitando esa documentación sobre o deterioro das instalacións por falta de mantemento; así que queda por saber canto sumarían eses conceptos á cantidade final de perdas.
Este proceso de depuración de responsabilidades xa foi solicitado en marzo de 2019, aínda na anterior lexislatura. Mais daquela, a proposta foi rexeitada en pleno. Coa constitución do equipo de goberno tras as eleccións, este debería ter a oportunidade para que esixa a transparencia que predica e defenda activamente os intereses municipais.