PATRIMONIO MUNICIPAL
Esiximos ao Goberno Municipal responsabilidade no expediente da Garrocha

Despois de case 2 meses da aprobación polo Pleno da resolución do expediente de rescate da concesión, o Goberno Municipal recoñeceu que non fora capaz de realizar a notificación á empresa concesionaria.
O Concello pode ter que afrontar unhas perdas superiores a varios centos de miles de euros, sen contar coas derivadas do deterioro das instalacións.
O BNG de Culleredo exixe do Goberno Municipal maior responsabilidade na tramitación do expediente de rescisión do contrato de explotación do Complexo Deportivo Municipal da Garrocha, ao comprobar a semana pasada que aínda non lle tiña sido notificado a apertura do expediente aos responsábeis da empresa concesionaria.
Para Tono Chouciño é "sorprendente" que en dous meses o Goberno Municipal, segundo recoñeceron nas Comisións Informativas da semana pasada, non conseguira entregar unha notificación "nun recinto propiedade municipal aberto ao público, a 800 metros da Casa do Concello, e cando o Concello conta cun notificador na súa plantilla".
O representante nacionalista lembra que o Concello pode ter que afrontar unhas perdas "superiores a varios centos de miles de euros, sen contar coas derivadas do deterioro das instalacións, que se sumarán ás do CLT e ao millón e medio que tivemos que pagar polos terreos do CEIP Ría do Burgo. É o momento de frear esta sangría e exixir responsabilidades."