ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2024

O BNG de Culleredo urxe ao goberno municipal a elaborar os orzamentos para 2024

Casa do Concello de Culleredo
Casa do Concello de Culleredo

O día 1 de xaneiro non haberá novo orzamento debido ao retraso do inicio das actuacións, como xa vén sendo costume

Non se facilitou a participación veciñal, prevista no seu regulamento

O BNG de Culleredo urxe ao goberno municipal a elaborar os orzamentos para 2024

O orzamento municipal para 2024 aínda non está á vista e parece que, un ano máis, chegará con moito retraso, polo que o BNG de Culleredo urxe a iniciar os trámites e a documentación para a elaboración do proxecto. De comezar neste momento, xa non se chegaría a tempo para que o día 1 de xaneiro entraran en vigor, xa que tamén hai que contar co prazo legal de alegacións.

Esta situación repítese e xa vén sendo habitual nos últimos anos. Non é estraño que un orzamento se aprobe definitivamente no mes de setembro. Moitos servizos básicos dependen da chegada dos fondos a tempo, e moitas persoas e colectivos ven condicionado ou limitado o seu labor por culpa da falta de implicación do goberno de Rioboo. A vontade de sacar adiante o traballo requirido non precisa o apoio plenario da oposición.

Ademais, o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá prevé ata un 25% dos investimentos decididos pola veciñanza, con propostas que deberían ser achegadas antes do día 8 de setembro, mais o concello non deu publicidade a esta cuestión. Por iso, o BNG promoveu a participación cidadá ten constancia de que foron moitas as achegas enviadas pola veciñanza ao concello. 

Esas achegas veciñais deberían ser unha das bases do proxecto de orzamentos que cabería agardar que presentasen desde o goberno municipal ao resto dos grupos para buscar un consenso. Desde logo, o BNG vai defender que sexa así.

O BNG de Culleredo urxe ao goberno municipal a elaborar os orzamentos para 2024