ORZAMENTOS 2024
Éxito da campaña do BNG para que a veciñanza faga propostas aos orzamentos municipais

As ordenanzas prevén a participación cidadá no documento económico
O grupo nacionalista escoita e axuda a toda a veciñanza que o precisa
Varias propostas naceron desde que o BNG de Culleredo iniciou a campaña de divulgación sobre os orzamentos participativos. Nestas semanas, o grupo municipal estivo mantendo xuntanzas con diversos colectivos veciñais de Culleredo para escoitar as súas necesidades e dando a coñecer as ferramentas dispoñibles para a participación cidadá.
As ordenanzas municipais vixentes prevén ata un 25% do apartado de inversións decidido pola veciñanza, a través do Consello de Participación Veciñal. O BNG está achegando esta posibilidade á cidadanía, mentres o goberno municipal permanece no mutismo.
O BNG elaborou un documento —dispoñible na nosa web e en varios formatos— para axudarlles a elaborar as súas propostas e facelas chegar ao goberno local, que tocará debatir polo pleno para a súa inclusión ou non no orzamento municipal de 2024. Todas as persoas que veñen presentando as súas achegas, tamén as comparten co BNG, polo que podemos ver que o número crece continuamente.