A XUNTA CONFIRMA O RETRASO NA CONSTRUCIÓN DO NOVO IES

A XUNTA CONFIRMA O RETRASO NA CONSTRUCIÓN DO NOVO IES

Segundo consta en contestación datada o 17 de febreiro á pregunta formulada en xullo de 2013 (é dicir, cun retraso de 7 meses) polo voceiro do BNG no Parlamento Galego Francisco Jorquera, e o tamén deputado nacionalista Cosme Pombo, a Xunta recoñece que aínda se está a "ultimar a preceptiva supervisión técnica do proxecto", fase previa á aprobación técnica do mesmo e á autorización do gastodo proxecto de construción do novo IES de Culleredo.

Os continuos retrasos atacan directamente ao principio de igualdade de oportunidades

Isto ven confirmar a imposibilidade de que o novo centro comece a funcionar o vindeiro curso 2014/2015, cando se trata dunha intraestrutura totalmente necesaria dada a saturación dos outros públicos do Concello, o que repercute negativamente na calidade do servizo prestado e, por extensión, na igualdade de oportunidades dos estudantes de cara ao seu futuro académico.

Dende o BNG de Culleredo, tal e como fixemos reiteradamente durante a nosa etapa no goberno municipal, demandamos da Administración autonómica que acurte os prazos de execución da obra, anticipando trámites que xa está en disposición de realizar.

Non hai interese real da Xunta na construción dos novos Centros

Na mesma contestación, a Xunta volta aludir á contaminación dos terreos da antiga fábrica da Cros para xustificar o seu rexeitamento a eses terreos para a construción dun CEIP que dea servizo a un dos núcleos máis densamente poboados do Concello, e que agrupa a un maior número de poboación en idade escolar.

Segundo as informacións que se fixeron públicas nese momento, eses terreos foron descontaminados coa financiación da Xunta de Galiza e da Unión Europea a través dos fondos FEDER, cun orzamento de caseque 3 millóns de euros, e baixo a supervisión da Consellaría de Medio Ambiente, que xa dirixía o actual conselleiro Agustín Hernández. Nos terreos veciños hai unha escola de educación infantil, unha residencia de día un centro comercial e numerosas vivendas, polo que consideramos necesaria unha aclaración por parte da Xunta sobre o estado dos terreos e a súa salubridade.

Para o BNG, os retrasos que está tendo a construcción destes dous novos centros de ensino, imprescindibeis para o noso concello, están moi relacionados coa falla dun interese real por parte da Xunta de Galiza para levalos a cabo, desinterese totalmente inexcusábel por tratarse dun servizo básico.

Demandamos unha actitude máis enérxica do Concello

Solicitamos do Concello unha actitude máis enérxica en defensa dos intereses dos seus veciños e veciñas, e que non consinta, por inacción, máis retrasos en ambas infraestruturas.

A XUNTA CONFIRMA O RETRASO NA CONSTRUCIÓN DO NOVO IES