O pleno aproba as mocións presentadas polo BNG

O pleno aproba as mocións presentadas polo BNG

Onte tivo lugar o pleno municipal correspondente do mes de febreiro no que, co único voto en contra do Partido Popular, se aprobaron todas as mocións presentadas polo BNG, referentes a tributación de PEMES e autónomos, a derrogación de varias leis contra as mulleres, a demanda de asistencia sanitaria para os parados e paradas que se ven na obriga de deixar o país por máis de 90 días, a reforma local e provincial, así como a proposta de Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola CIG en demanda da creación de emprego en Galiza.

No resto dos puntos, o BNG abstívose nas votacións do plano de obras da Deputación (DTC 93), por non teren sido consultados os membros da oposición sobre as obras que se debían presentar, e no punto referente á construción do Centro Social de Boedo, por considerar que é unha mera declaración de intencións, que non asume ningún compromiso nin supón ningún avance na construción dunha infraestrutura que consideramos moi necesaria, dada a dispersión e o illamento que padecen as veciñas e veciños desa parroquia.

O pleno caracterizouse polos enfrontamentos dialécticos entre o voceiro do PP, Antonio Cañás, e a do BNG, Raquel Jabares, que recriminou ao PP a "linguaxe poética" coa que soen envolver os recortes que aplican dende os seus gobernos, para así agochar a realidade.

O pleno aproba as mocións presentadas polo BNG