O BNG demanda unha solución definitiva aos accesos do Colexio Díaz Pardo

O BNG demanda unha solución definitiva aos accesos do Colexio Díaz Pardo

Os veciños e veciñas de Culleredo levan tempo recibindo noticias do Goberno Municipal sobre a reforma dos accesos ao Colexio Díaz Pardo do Burgo, o retraso do proxecto acumula xa mais dun ano de retraso. Hai que lembrar que este proxecto foi aprobado no pleno de febreiro de 2014, dentro do plan DTC93 cofinanciado pola Deputación.

Máis aló da incapacidade do Goberno de Julio Sacristán por levar adiante os seus propios proxectos e do seu manifesto desinterese por solventar os problemas cotidiáns dos seus veciños e veciñas, que trata de agochar con esa reiteración de anuncios de obras que de eternizan no tempo, para o BNG-Asembleas Abertas de Culleredo esta obra non é máis ca un parche que non solventará os problemas de accesibilidade ao recinto escolar e ás instalacións deportivas colindantes.

Dende o BNG-Asembleas Abertas, como xa lle temos manifestado ao Goberno Municipal na pasada lexislatura, consideramos que a solución pasa por completar o viario municipal, nomeadamente a Rúa Carcabelos para facilitar o acceso dende Ombre e a N-550, e por acometer unha actuación máis ambiciosa no túnel baixo a AP-9, ampliándoo aproveitando as actuacións que se van acometer próximamente na autoestrada.

Así, no último pleno Tono Chouciño, voceiro nacionalista, propuxo ao Goberno Municipal solicitar a AUDASA e ao Ministerio a incorporación dun conxunto de melloras ás que consideramos que está obrigada a concesionaria da autoestrada, pola repercusión da súa actividade no noso Concello, en particular a incorporación de medidas de insonorización, ao paso da AP-9 polos núcleos urbanos de Culleredo, habituais hoxe neste tipo de infraestruturas, e a mellora e ampliación dos pasos inferiores e superiores, que permanecen nas mesmas condicións que cando a se inaugurou a autoestrada, dotándoos de beirarrúas transitábeis.

O BNG demanda unha solución definitiva aos accesos do Colexio Díaz Pardo