PATRIMONIO

Solicitamos protección para as quintas históricas do Portádego

Quintas do Portadego
Quintas do Portadego

Trátase dun conxunto de vivendas do século XIX e inicios do XX de alto valor arquitectónico, cultural e histórico, que se atopan á entrada a Culleredo polo Camiño Inglés.

Actualmente presentan un pésimo estado de conservación e, nalgúns casos, chegan a supoñer un perigo para peóns e vehículos.

 

Solicitamos protección para as quintas históricas do Portádego

O BNG de Culleredo ven de dirixirse á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta e ao Concello de Culleredo para que inclúan as quintas históricas que perviven no Portádego, á beira da Nacional 550, nos seus catálogos de bens protexidos, pola súa singularidade arquitectónica e histórica, tratándose ademais de edificacións á entrada do Camiño Inglés no noso Concello.

Son vivendas de unha ou dúas alturas, restos dunha arquitectura popular que en Culleredo sofriu fortemente o embite da piqueta durante o boom inmobiliario, entre as que aínda perviven algunhas vilas e quintas, con belas galerías, nas que durante os séculos XIX e XX veraneaban familias da burguesía coruñesa. Na actualidade, estas edificacións presentan un pésimo estado de conservación e, nalgúns casos, chegan a supoñer un perigo para peóns e vehículos.

Tono Chouciño, Concelleiro nacionalista en Culleredo, lembra que a N550 adopta alí o nome de Avenida Miguel González Garcés porque "nunha desas quintas pasaba longas temporadas este autor, e alí recibia a coetáneos como Urbano Lugrís, Avilés de Taramancos ou Álvarez Torneiro".

Para o Bloque Nacionalista Galego calquera tentativa de relanzar turísticamente o noso Concello pasa polo cuidado do noso patrimonio, compaxinando o progreso co cuidado e a recuperación do noso legado histórico.

Neste senso, o portavoz nacionalista fai fincapé en que "sendo a porta de entrada en Culleredo do Camiño Inglés, un reclamo turístico a nivel mundial,  debemos cuidar con cariño o pouco patrimonio que queda xa no seu ámbito", polo que reclamou a implicación da Xunta e tamén do Concello na preservación deste conxunto de vivendas.