Importante Pleno Municipal

Importante Pleno Municipal

auga xaneiro 2016O vindeiro xoves 7 de xaneiro de 2015, ás 20.30h., está convocado un Pleno de carácter extraordinario que terá lugar na Casa do Concello, en Tarrío.

Entre os puntos a tratar destaca a proposta de resolución do contrato de construción e explotación do Centro Loxístico de Transportes de Culleredo e a proposta de reclamación de indemnización por danos e prexuízos por incumprimentos da concesionaria, Obralar SLU., asunto que pode derivar nunha grande perda patrimonial para o Concello polas reiteradas deficiencias na tramitación do expediente e as omisións do Goberno Municipal no cumprimento das súas obrigas de vixilancia e control.

Debateranse tamén as propostas para a participación do Concello na convocatoria de proxectos a financiar mediante o Programa Operativo FEDER (2014-2020), de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostíbel e Integrado.

Por parte do BNG-Asembleas Abertas de Culleredo lévanse a debate dúas mocións. A primeira delas refírese ao proceso de contratación do servizo de subministración de auga potábel, longamente anunciado e aínda non iniciado. Solicitamos o establecemento dunha duración máxima de dous anos da concesión, para facilitar o proceso de mancomunización a medio prazo do servizo, máxime ante as últimas novas referentes á posibilidade de abrir EMALCSA aos concellos da Comarca, tal e como vimos demandando dende o noso grupo municipal.

A segunda das mocións refírese ao número de adicacións exclusivas dos membros do goberno local, á vista da non cobertura das mesmas e da ficción orzamentaria que isto produce.

A orde do día completa é a seguinte:

1.- Toma de posesión da concelleira da Marea Veciñal de Culleredo, Dona Verónica Rivadulla Deschamps.

2.- Proposta de modificación da Comisión Paritaria de Control e Seguemento do Convenio de Persoal.

3.- Proposta de modificación do réxime de sesións dos Plenos.

4.- Proposta sobre nomeamentos na Xunta Xeral de no Consello da EDAR BENS

6.- Proposta de resolución do contrato asinado entre Obralar SLU e o Concello de Culleredo no que se formaliza a concesión administrativa de construción e explotación do Centro Loxístico de Transportes de Culleredo.

7.- Previa declaración de urxencia, proposta de reclamación de indemnización por danos e prexuízos por incumprimentos do Concesionario do CLT.

8.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, proposta sobre a participación do Concello na primeira convocatoria para a selección de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostíbel e Integrado, cofinanciadas mediante o Programa Operativo FEDER (2014-2020) convocada pola orde HAP/2427/2015 de 13 de novembro do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

9.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, Moción do BNG sobre a contratación da xestión do subministro de auga.

10.- Previa ratificación da súa inclusión na Orde do Día, Moción do BNG sobre o número de adicacións exclusivas.

11.- Dación de conta de resolucións da alcaldía e concellarías delegadas.

12.- Rogos e preguntas

Importante Pleno Municipal