Galiza de loito
O BNG de Culleredo quere trasladar o seu pesar ás vítimas do accidente de Compostela e ás súas familias. Trasladamos tamén o noso agradecemento aos servizos de emerxencia e a todos e todas os que axudaron dun xeito ou doutro na catástrofe.
Gostarianos tamén chamar á participación nas concentracións que están convocadas pola FEGAMP para hoxe ás 12.00 h. diante das dependencias municipais, onde se gardarán cinco minutos de silenzo, e o noso rigoroso respecto dos sete días de loito oficial decretados dende a Xunta de Galiza.
Deixamos, a seguir, o comunicado oficial emitido dende a Executiva Nacional do BNG:
A Executiva Nacional do BNG, reunida de xeito extraordinario no día de hoxe, 25 de xullo, adoptou os seguintes acordos:
1.- Manifestar a inmensa dor do BNG pola traxedia derivada do accidente ferroviario acontecido en Compostela, que levou á desconvocatoria da manifestación do Día da Patria Galega e de todos os actos vinculados a esta celebración patriótica. Ao tempo, reiteramos a nosa solidariedade e apoio ás vítimas, familiares e amizades afectadas polo sinistro ferroviario.
2.- Recoñecer a lección de solidariedade mostrada polo pobo galego diante deste drama, así como o labor de axuda realizada polas veciñas e veciños do lugar afectado, doantes de sangue e traballadoras e traballadores dos servizos de emerxencia e protección civil. O BNG ponse á disposición, cos seus medios, das necesidades derivadas da catástrofe.
3.- A nosa responsabilidade, o noso deber como forza política nacionalista esixe, ademais de manifestar a nosa dor, a reclamación de esclarecemento e investigación sobre o acontecido e sobre as causas e deficiencias e/ou carencias técnicas que provocaron o accidente. Facémolo pola memoria das vítimas, pola necesidade de deitar luz sobre o acontecido, mais tamén para que feitos desta natureza non se volvan reproducir no futuro. Anunciamos, en coherencia co exposto, que no día de hoxe o BNG formalizou a presentación no Congreso dos Deputados dunha solicitude de Comparecencia da Ministra de Fomento para dar explicacións sobre a traxedia.
4.- O BNG lamenta o papel tendencioso na información ofrecida pola TVG e as insinuacións dalgunhas autoridades políticas en relación co que debera ser un tratamento informativo rigoroso e acorde co drama humano que está a padecer o pobo galego. O BNG trasladará unha queixa formal á dirección da CRTVG por este motivo.
5.- O BNG participará nos actos de carácter cívico -non relixioso- que se convoquen.
6.- Os concellos con goberno municipal do BNG farán públicas Declaracións de Solidariedade.
7.- Na sede nacional do BNG luce, dende esta mañá, unha bandeira patriótica con crespón preto. Este símbolo será popularizado polas redes sociais en sinal de dor nunha data tan sinalada como a de hoxe.
8.- A Executiva Nacional do BNG fará pública a convocatoria dunha nova mobilización en reivindicación da Soberanía da nosa Patria.
Galiza, 25 de xullo de 2013, Día da Patria Galega.