O BNG demanda a mellora do dispositivo de seguridade nas festas

O BNG demanda a mellora do dispositivo de seguridade nas festas

O pasado luns 15 de xullo, durante as festas de Vilaboa, tiveron lugar numerosos incidentes, tanto no campo da festa, onde tivo lugar o lanzamento de diversos obxectos ao escenario durante a actuación dun dos artistas contratados, coma nos arredores, onde foi patente dende primeiras horas do serán a presenza de grupos de mozos e mozas, que nalgún caso non chegaba á maioría de idade, facendo "botellón" e inxerindo bebidas alcohólicas en grandes cantidades.

Estes incidentes tiveron unha importante repercusión tanto nas redes sociais coma na prensa, desvirtuando o traballo da Comisión de Festas e o nome do noso Concello como destino dun lecer de calidade.

Dende o Concello púxose todo o énfase na presenza de membros dos corpos de seguridade en lugares onde foran visíbeis, deixando nun segundo plano as rúas menos transitadas e obviando a labor de prevención, e mesmo se afirmou polo concelleiro responsábel de seguridade, D. José Ramón Rioboo, que era "normal" que houbera pelexas cando ven "xente da tele".

Dende o BNG de Culleredo lamentamos profundamente a mala imaxe que se transmitiu do noso concello, a nivel estatal, e solicitamos aos responsábeis municipais que, de cara a vindeiras celebracións onde tamén é previsíbel unha afluencia importante de xente, e para evitar incidentes, se mellore a prevención e a vixilancia da contorna onde se celebren os eventos, poñendo especial énfase na prevención da inxesta de bebidas alcohólicas e outras substancias por menores de idade.

O BNG demanda a mellora do dispositivo de seguridade nas festas