O novo goberno municipal comeza a amosar a súa verdadeira faciana

Votación no Pleno Municipal de Culleredo
O novo goberno municipal comeza a amosar a súa verdadeira faciana

No pleno municipal celebrado o pasado xoves na Casa do Concello, debatíronse varias propostas presentadas polo BNG de Culleredo, referentes a: o mantemento do servizo de ferrocarril; á limpeza dos cómaros das vías municipais e en rexeitamento do uso masivo de herbicidas; en defensa dos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais; en contra da minería salvaxe e contaminante; e en contra da reforma da lei do aborto. Tamén se votou unha referente á LOMCE, presentada polo Grupo Municipal do PSOE.

O texto definitivo das mocións negociouse entre os representantes de PSOE e BNG

Para todas elas chegouse a un acordo en Xunta de Voceiros entre os representantes do PSOE e a representante do BNG para, respetando o seu sentido orixinal, aprobar uns textos consensuados. Nesa mesma xuntanza, o representante de APdC manifestou que o seu grupo tamén apoiaría as mocións.

Nomeadamente, no caso da moción referente á limpeza das vías municipais e ao uso de herbicidas, o PSOE manifestara o seu compromiso de licitar a limpeza en breve plazo, polo que se transaccionou aprobala só coa parte referente ao rexeitamento do uso de herbicidas.

Podese acceder aos textos orixinais das mocións presentadas polo BNG a través do seguinte enlace: https://www.dropbox.com/sh/g0h5lm9ewo44350/Un6rgSuiTP

Modificación do Regulamento Orgánico Municipal

Unha vez no pleno, os grupos que forman o goberno municipal, PSOE e APdC, presentaron unha modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) na que se oficializa a Xunta de Coordinación do Pacto de Goberno, órgano formado por todos os membros do goberno municipal, que viña funcionando dende o primeiro pacto entre PSOE e BNG, téndose reunido en función de necesidades puntuais, e que, ao non formar parte do organigrama municipal, senón que era froito dun pacto entre partidos, os participantes non recibían nengún tipo de remuneración pola asistencia as súas reunións.

A partir de agora dáselle unha periodicidade mensual, e os concelleiros sen adicación exclusiva (seis) cobrarán pola asistencia a ela unha cantidade que aínda non se coñece.

Esta modificación do ROM bota por terra, aquel suposto aforro que o novo goberno prometeu en salarios das concelleiras e concelleiros que o integraban, e bota por terra tamén a ficción da integración. É un pacto, collido polos pelos, que precisa de reunións mensuais para tratar de aplacar o mal ambiente interno que hai dentro do goberno municipal.

Debate da moción sobre o dereito ao aborto

Outra parte do esperpento vivido onte no pleno, foi ver como unha concelleira do Grupo Municipal de APdC presentaba ao pleno unha moción presentada polo Grupo Municipal do BNG e consensuada co PSOE.

Comprácenos darlles a benvida aos representantes de APdC á defensa dos dereitos civís, anque sexa a regañadentes

Congratulámonos de que APdC se sume, anque sexa coa desgana que demostrou a súa concelleira na presentación da moción, á defensa do dereito ao aborto, abandonando a súa postura tradicional da abstención, pois a defensa dos dereitos civís tamén afecta aos homes e mulleres de Culleredo, pero parécenos un insulto á cidadanía ese empeño do equipo de goberno de transmitir ás veciñas e veciños a mentira de que son un só grupo político.

Tal e como se lles indicou dende a Secretaría do concello en reiteradas ocasións, e se viron na obriga de recoñecer públicamente, PSOE e APdC son dous grupos municipais distintos. Se os membros de APdC queren liquidar o seu grupo, están no seu dereito, pero o seu destino sería quedar como non adscritos, nunca integrarse noutro grupo municipal, renunciando ás asignacións económicas que lles corresponden como grupo municipal.

Nova política informativa

Ao remate do pleno, e a preguntas da nosa voceira, Raquel Jabares, os traballadores da radio municipal informárona de que tiñan orde de non gravar as valoracións dos voceiros dos grupos municipais sobre o pleno, cousa que se viña facendo de xeito sistemático ata este momento.

Información e propaganda parecen non ser compatíbeis

Este feito parécenos un caso flagrante de obscurantismo e de censura nun medio que paga toda a cidadanía do noso Concello, máis grave aínda vindo dunha persoa que se oufana de pertencer ao gremio xornalístico. Dende o BNG manifestamos o noso rexeitamento a tal prohibición, pois coarta o dereito á información dos veciños, e convirte a Radio municipal nun mero voceiro do equipo de goberno.

Solicitamos do goberno municipal que e graven os plenos municipais, e se disponibilice dita gravación a través da páxina web municipal. No seu defecto, manifestamos a nosa intención de proceder a dita gravación e difusión, cos medios propios do BNG de Culleredo.

O novo goberno municipal comeza a amosar a súa verdadeira faciana