TRANSPARENCIA

O PSOE aproba as asignacións económicas a pesar dos reparos da Intervención Municipal

Pleno municipal xuño 2019

O Pleno de Organización Municipal, que resultou totalmente desorganizado, aprobou cos reparos da Intervención Municipal as asignacións económicas propostas polo Goberno Municipal.

Despois dunha suspensión temporal do Pleno, a Interventora decidiu fundamentar os seus reparos na falta dun plan financeiro para cumprir coa regra de gasto.

O novo Goberno Municipal amosa a súa intención aplicar a súa maioría absoluta sen pudor en gardar as mínimas formas.

O PSOE aproba as asignacións económicas a pesar dos reparos da Intervención Municipal

No Pleno de organización municipal totalmente desorganizado que tivo lugar hoxe en Culleredo, a Intervención Municipal presentou reparos suspensivos ás asignacións económicas aos concelleiros/as por adicacións exclusivas ou parciais, así como pola asistencia a órganos colexiados, ás asignacións aos grupos políticos municipais e ás contías correspondentes ás asignacións do persoal de confianza.

A Interventora baseou os seus reparos, nun primeiro intre, na posíbel falta de crédito para facer fronte aos pagos, e na falta dun plan financeiro para cumprir coa regra de gasto.

O Grupo Municipal do BNG solicitou que se deixara en suspenso a aprobación das asignacións económicas e das características do persoal eventual, para o estudo dos reparos e dar ao Goberno Municipal a posibilidade de modificar as súas propostas.

Finalmente, despois dunha suspensión temporal do Pleno, a Interventora decidiu fundamentar os reparos só na falta de plan financeiro para cumprir a regra de gasto, e o Grupo Municipal do PSOE empregou a súa maioría absoluta para levantar os reparos e aprobar as asignacións.

A actitude do equipo de goberno levou ao voceiro nacionalista, Tono Chouciño, a manifestar que o único que parecía buscar era "repartirse o pastel", sen importarlles os reparos da habilitada nacional.

Para o voceiro nacionalista, "o novo goberno supérase levantando as limitacións que describen os órganos de control e prescriben as leis, acostumados como están a facelo en numerosas ocasións anteriores en canto a pagos de facturas sen someterse ao procedemento de contratación pública e facendo destas decisións unha demostración de por onde vai ir un goberno en maioría absoluta que non ten xa ningún pudor en gardar as mínimas formas.”

O PSOE aproba as asignacións económicas a pesar dos reparos da Intervención Municipal