SANIDADE

Malestar por cambios no Centro de Saúde asignado e no horario de atención sen previo aviso

Centro de Saúde do Portádego
Centro de Saúde do Portádego

O Servizo Galego de Saúde modificou, sen previo aviso, o Centro de Saúde e o horario de atención médica a un cupo enteiro.

Ademais de cambiarlles a estas persoas o profesional de medicina de familia asignado, deixóuselles co profesional de enfermaría previo, noutro centro e con diferente horario de atención.

Unhas 1600 persoas viron gravemente dificultado o seu acceso aos recursos sanitarios nun momento de máxima tensión da pandemia.

O BNG reclama maior responsabilidade na xestión dos recursos e unha solución axeitada ás necesidades das persoas afectadas.

Malestar por cambios no Centro de Saúde asignado e no horario de atención sen previo aviso

Varias persoas trasladaron ao BNG a situación vivida nestes días en primeira persoa pola falta de previsión do Servizo Galego de Saúde na planificación da Atención Primaria e a súa falta de respecto para coas usuarias de Culleredo.

A finais do ano pasado a dirección do SERGAS decidiu o traslado dun cupo médico, que tiña a súa consulta en horario de tarde no Centro de Saúde de Acea de Ama, para o Centro do Portádego, en horario de mañá, sen previo aviso ás persoas que pertencían á súa cota.

Por se non fose de abondo con isto, só se lles cambiou o cupo médico, non o profesional de enfermaría asignado, dificultando o acceso aos coidados da saúde ás persoas que se encontraron de súpeto coa súa médica e a súa enfermeira en distintos centros e en distintos horarios.

Todo isto motivou numerosas disfuncións na asistencia sanitaria prestada e xerou a normal confusión e malestar entre as persoas afectadas por estes cambios, agravados por producirse nun momento de máxima tensión sanitaria en plena sexta onda da pandemia.

O BNG de Culleredo reclama ao Servizo Galego de Saúde unha mellor planificación dos recursos, maior previsión para avisar dos cambios con antelación ás persoas usuarias, e que se lles facilite ás persoas afectadas unha solución satisfactoria.

O voceiro nacionalista, Tono Chouciño, lembra que este cambio únese á eliminación recente dunha das consultas de saúde mental (a adicada á prevención do suicidio), no Centro de Saúde do Portádego, presentada no seu día como o gran logro e unha grande mellora. "A dirección do SERGAS debería saber que en temas de saúde non podemos estar xogando ao quita e pon e debe amosar unha maior responsabilidade e respecto polas persoas usuarias".

 

Malestar por cambios no Centro de Saúde asignado e no horario de atención sen previo aviso